Ravella acometerá a restauración das fontes de Arcebispo Lago

As actuacións corren a cargo da empresa adxudicataria ao atoparse a obra en prazo de garantía
Estado actual de Arzobispo Lago en Vilagarcía. DS
photo_camera Estado actual de Arzobispo Lago en Vilagarcía. DS

A empresa Prace Servicios y Obras, adxudicataria da humanización Arcebispo Lago, comeza este xoves os traballos para mellorar o mobiliario e o funcionamento das fontes ornamentais. As actuacións a realizar teñen como obxectivo corrixir as deficiencias detectadas dende que se inaugurou a peonalización da rúa e non terán ningún custe para o Concello. Correrán a cargo da construtora, xa que a obra se atopa aínda en prazo de garantía.

Os traballos de maior relevo son os que afectan ás fontes, nas que se van mellorar os sistemas de depuración das augas que nutren os vasos a través de circuítos. Ademais, revisarase a instalación eléctrica para garantir o seu correcto funcionamento.

As restantes actuacións a realizar son de menor calado e afectan, sobre todo, ao mobiliario. Trátase de retoques e cuestións como a fixación das ancoraxes dos elementos de madeira ou á mellora a drenaxe de auga dalgún dos axardinamentos de terra.

Os traballos a executar concretáronse tras a inspección ordinaria que o Concello fai en todo proxecto cando queda pouco tempo para que remate o prazo de garantía.