Finalizada a renovación da tubaxe do saneamendo na rúa Fondo da Vila

Os traballos tiveron unha inversión de 17.800 euros
O edificio do Concello de Vilagarcía de Arousa. DS
photo_camera Os traballos realizáronse grazas a unha inversión de 17.800 euros por parte do Goberno local de Vilagarcía. DS

O Goberno local de Vilagarcía vén de completar a obra de mellora da rede municipal de saneamento na rúa Fondo da Vila, en Trabanca Sardiñeira, onde a antigüidade da instalación orixinaba constantes avarías e os conseguintes prexuízos para a veciñanza. Para resolver esta problemática, o goberno local investiu 17.800 euros.

Os traballos executados pola firma Galsur Proyectos y Obras consistiron na renovación da tubaxe do servizo de augas residuais nun tramo de 50 metros. A vella canalización de fibrocemento mudouse por outra de PVC, material máis duradeiro e resistente ás presións por afundimento do terreo. A obra incluíu tamén a renovación dos pozos da rede e o acondicionamento final do pavimento, que se fresou e asfaltou para deixar a vía en perfectas condicións para o tránsito.