Festaclown promete espectáculos con moita risa, maxia e conciencia social

O Auditorio de Vilagarcía albergou este mércores a presentación do evento que animará as Festas de San Roque dende o día 10 ata o día 15
Presentación da novena edición do Festaclown en Vilagarcía. DS
photo_camera Presentación da novena edición do Festaclown en Vilagarcía. DS

O evento Festaclown, baseado no humor e na maxia, animará por noveno ano as Festas de San Roque. Nesta edición, as sesións comezarán o xoves 10 e rematarán o martes 15, no preludio da famosa Festa da Auga, e prometen risas, maxia e moita conciencia social.

A presentación tivo lugar este mércores no vestíbulo do Auditorio de Vilagarcía e nela participaron o alcalde do Concello, Alberto Varela, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, o responsable do Festaclown, Nacho Fungueiriño, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, e o Mago Teto, que pechou o acto con dous trucos de maxia.

O alcalde de Vilagarcía foi o primeiro en tomar a palabra e comentou a importancia dun evento que "axuda a compartir momentos ca familia e que se está a volver unha tradición nas Festas patronais do Concello". "Este non é un espectáculo calquera, é unha actividade baseada no humor intelixente con moito trasfondo social que ofrecerá moita diversión", afirmou Varela.

O Festaclown ofrecerá 23 espectáculos en seis días e 12 deles serán de artistas galegos, algo que quixo resaltar o director do AGADIC. "O noso obxectivo é a maior colaboración posible para fomentar a cultura en Galicia" asegurou Sutil, que engadiu que "o circo non é unha arte menor".

Seguindo a liña, Sonia Outón quixo destacar a "importancia que ten a vertente social do espectáculo" pero recordou que tamén estará cheo de "malabares, música, risas, maxia e teatro". A concelleira de Cultura tamén fixo fincapé no valor que ten o Festaclown, xa que esperan uns "15.000 participantes moi activos durante as sesións", que serán de mañá, de tarde e de noite. Outón engadiu que esta actividade "pode servir para abrir vocacións" e calificouna como "o terceiro evento máis importante de San Roque, despois da Festa da Auga e do combate naval".

O Festaclown chegou a Vilagarcía no ano 2015 e o responsable do espectáculo agradeceu a confianza do Concello para celebrar xa a novena edición "Confiamos en recuperar as cifras anteriores á pandemia", asegurou Fungueiriño. A Festa da risa incorpora este ano novos espectáculos internacionais onde non faltarán as acrobacias. Como gran novidade, este ano debutará o primeiro grupo africano, procedente de Etiopía.

Truco de maxia do mago Teto durante a novena edición do Festaclown en Vilagarcía. DS
Truco de maxia do mago Teto durante a novena edición do Festaclown en Vilagarcía. DS

Fungueiriño explicou que o núcleo do evento serán os artistas galegos pero garantizou que haberá grupos do Brasil e doutros puntos de España. "O circo máis importante do noroeste peninsular contará en Vilagarcía con grupos de Euskadi, Valencia ou Andalucía". O director do Festaclown quixo dar valor tamén as estreas que se darán en San Roque e anunciou que o padriño da edición será Leo Bassi.

Como os anteriores participantes na presentación, Fungueiriño destacou "o carácter social e o espirítu do humor para presentar unha cultura innovadora". Como peche do acto, o Mago Teto desenvolveu dous dos seus trucos de maxia cunha baralla de cartas, empregando a Varela e a Sutil como axudantes.