Os carruseis das Festas de San Roque funcionarán unha hora ao día en silencio

O Concello establece a medida en resposta á petición realizada por algunhas familias e por asociacións de atención a persoas con diversidade funcional
Os carruseis poderán ser empregados polas persoas con diversidade funcional. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Os carruseis poderán ser empregados polas persoas con diversidade funcional. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía inclúe este ano nas normas de funcionamento das atraccións de feira unha medida que ten como obxectivo garantir a completa accesibilidade e o goce das festas por parte das persoas con diversidade funcional.

Os carruseis deberán funcionar unha hora ao día en completo silencio, en concreto de 19 a 20 horas, para que rapaces e adultos especialmente sensibles aos ruídos poidan facer uso delas e divertirse como calquera outro veciño.

O goberno local implanta esta medida en resposta ás peticións formuladas por familias e por asociacións de atención a colectivos de persoas con este tipo de problemáticas. Esta non é a primeira decisión que o executivo socialista adopta en relación ao ruído xerado polas atraccións das festas.

Desde hai xa uns anos os permisos para autorizar a instalación dos carruseis na explanada TIR inclúen a obrigatoriedade de respectar o protocolo de contaminación acústica que limita a un máximo de 94 decibelios o volume da música e do ruído ambiental xerado polos mesmos.

Desde xeito, preténdese reducir os prexuízos que ten o exceso prolongado de ruído na saúde das persoas e tamén facilitar a conciliación do desenvolvemento das festas co descanso da veciñanza.

As atraccións durante as festas de San Roque poderán operar na explanada TIR do 11 ao 20 de agosto, ambos incluídos. Os feirantes que desexen instalar os seus carruseis na zona TIR nese período deberán solicitar o pertinente permiso, para o cal dispoñen de prazo ata o 8 de agosto.