Esquerda Unida pide a Ravella que "deixe as chapuzas" e asfalte as rúas con fochancas

Segundo a formación, empregar terra e aglomerado "non serve para solucionar o problema e afea a cidade"
Recollida de pluviais chea de area en Vilagarcía. CEDIDA
photo_camera Recollida de pluviais chea de area. CEDIDA

"O goberno local de Vilagarcía non acaba de acertar co uso dos materiais correctos nos lugares correctos. O goberno de Alberto Varela afíxonos a cementar todo canto sitio había libre na cidade, pero agora decidiu cubrir as numerosas fochancas que invaden as rúas de Vilagarcía con aglomerado e terra". Isto é o que opina Esquerda Unida – Vilagarcía en Común sobre a reposición do firme en diversos puntos da localidade por parte de Ravella. "Esiximos que se adopte unha solución máis duradeira para acondicionar as rúas porque esta solución parece máis para amañar o calendario electoral que para facilitar o tráfico en Vilagarcía", sinalan dende a formación.

Afirman que a "falta de mantemento, a falta por parte do goberno, dun axeitado coidado do firme das rúas en Vilagarcía, ten provocado que as vías municipais non aguanten o inverno actual e o seu estado actual entorpece a circulación porque os baches estanse convertendo en fochancas e en cráteres que provocan un elevado número de incidencias: accidentes e averías nos vehículos". Para arranxar un problema maior, o grupo de goberno acaba de poñer e marcha unha "chapuza que non só non resolve o problema nin sequera de maneira temporal, senón que ademais afea a cidade".

Dende Esquerda Unida esixen que, "dunha vez, o goberno se tome Vilagarcía en serio e faga en as cousas". Indican que o concello debe realizar un contrato que permita o reasfaltado e seguro das vías máis afectadas. De non facelo así, "o que terá o municipio é fochancas que se abren e pechan ao ritmo da chuvia e do tráfico". Este problema, ao non ser atallado da forma debida, irá medrando ao longo do tempo, empeorando as condicións do tráfico e prexudicando o aspecto da cidade. EU-VeC pide que o concello abandone os parches e tome decisións con sentido común coas necesidades da cidade en lugar de pensar nas fotos e na campaña electoral.