Esquerda Unida denuncia o incumprimento "sistemático" dos prazos das obras no municipio

O grupo municipal pregúntase como é posible que o Goberno local "sexa incapaz de facer cumprir nin un so prazo"
Obras na futura Biblioteca Municipal de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Obras na futura Biblioteca Municipal de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Unha vez confirmada a prórroga do contrato para a finalización da obra da Biblioteca municipal, Esquerda Unida saíu ao paso para lamentar "a patente de corso que desfrutan as empresas que traballan para o Concello de Vilagarcía, así practicamente ningunha cumpríu os contratos asinados, comezando polas obras de Vázquez Leis, continuando polas de Arzobispo Lago ou o albergue de Carril, que en ningún caso foi posible que as empresas cumprisen os seus contratos".

Neste sentido, sinala o voceiro Juan Fajardo, "a deixadez de funcións do Goberno local, do seu alcalde e da concelleira de urbanismo, fai que tódalas empresas saiban que en Vilagarcía, poden facer o que lles veña en gana sen ter que responder aos incumprimentos, que son xa unha marca de estilo do Goberno local".

O que acontece co novo retraso das obras da Biblioteca, "que foi ocultado polo Concello, xa que en dúas xuntas de voceiros e no último pleno foron preguntados ao respecto, demostra a falta de interese e de transparencia coa que continúa a actuar este goberno", explican dende EU. 

Por iso, esixen que se asuman responsabilidades políticas por estes retrasos, e que de xeito inmediato se apliquen as contraprestacións económicas que deberán resultar destes retrasos. Ademáis, esperan que se antendan "as repercusións económicas, que sobre os veciños e comerciantes do inmoble da futura biblioteca, teñen provocado as obras, e solicitamos ao Goberno que dea unha data certa de cando poderá estar en funcionamento este espazo tan necesario para a cidadanía", sentencian.