Corenta maiores de 65 anos poderán visitar Cortegada da man do Concello

A Concellería organiza saídas o sábado e o domingo ás 11.00 horas dende o peirao de Carril, de xeito gratuito
 
Vista de la isla de Cortegada. ADP
photo_camera Vista de la isla de Cortegada. ADP

O Concello de Vilagarcía organiza dúas novas visitas guiadas á illa de Cortegada para o colectivo de persoas maiores de 65 anos. As actividades desenvolveranse a vindeira fin de semana e serán gratuítas cos únicos requisitos de ter cumprida a idade sinalada e estar empadroado en Vilagarcía. Farase unha saída o sábado ás 11.00 horas e outra o domingo á mesma hora, en ámbolos dous casos dende o peirao de Carril. Os interesados deben inscribirse acudindo as dependenci as de Persoas Maiores do Concello de luns a venres, en horario de 08.00 a 13.30 horas. As 40 prazas ofertadas cubriranse por orde de inscrición.

A empresa local Corticata, especializada precisamente no coñecemento e a divulgación da illa de Cortegada, será a encargada de xestionar a iniciativa, dende o traslado dende o peirao do Carril ás visitas guiadas pola illa. A duración da actividade será de aproximadamente dúas horas e media.

A Concellería de Persoas Maiores xa organizara excursións similares para este mesmo colectivo entre os meses de marzo e xuño. A actividade forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que se deseñou o Goberno de España con fondos europeos, que neste caso xestiona a Xunta de Galicia.