O Concello investigará a filtración de gasóleo no subsolo de dúas rúas da vila

A empresa Hera Holding Hábitat Ecología y Restauración Ambiental será a encargada de recoller datos e facer unha proposta de actuación ▶ A concelleira de Urbanismo reuniuse a semana pasada cos veciños do edificio en cuxo pozo freático se detectou o problema

Obras en la Avenida Doutor Touron. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Obras en la Avenida Doutor Touron. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A empresa especializada Hera Holding Hábitat Ecología y Restauración Ambiental será a encargada de realizar os traballos de estudo e recollida de datos necesarios para a posterior investigación da orixe da filtración de hidrocarburos detectada no subsolo da zona comprendida entre as rúa Doutor Tourón e a avenida Rodrigo de Mendoza. A Xunta Local de Goberno adxudicou estes traballos por importe de 1.815 euros en cumprimento ao compromiso adquirido cos veciños afectados e ao acordo adoptado polo Pleno da Corporación Municipal.

O problema da filtración de gasóleo detectouse nun pozo freático situado no soto dun edificio de Rodrigo de Mendoza esta primavera. Tras meses de infrutuosas xestións e actuacións -nas que tamén interveu a administración local- para tratar de pescudar a procedencia da vertedura, a comunidade de propietarios afectada solicitou a axuda ao Concello que, aínda tratándose dun problema de índole privado, se comprometeu a colaborar asesorando sobre as posibles medidas a seguir para dar coa orixe do problema. O asunto tamén se abordou no Pleno, reafirmando este compromiso de colaboración.

Neste marco, a pasada semana a Xunta de Goberno adxudicou os traballos de "visita, toma de datos e proposta de investigación de solos" e a concelleira de Urbanismo, Paola María, reuniuse xoves cos veciños afectados para informalos da medida adoptada polo Concello en concepto do asesoramento comprometido. O resultado deste estudo determinará o nivel de concentración de hidrocarburo existente no subsolo da zona, así como as seguintes actuacións que se deberán adoptar para determinar a orixe da vertedura e poñer fin ás filtracións.