O Concello habilita un novo aparcamento disuasorio na zona de Desamparados

Disporá de 83 prazas e os traballos, cun presuposto de 48.000 euros, contrataranse en quince días
Vilagarcía aparcamiento Desamparados
photo_camera Plano de localización do aparcamento de Desamparados. DS

O Bosque de Desamparados será a próxima zona urbana de Vilagarcía en contar cun aparcamento disuasorio público e gratuíto. O Concello iniciou o procedemento para habilitar a nova infraestrutura aprobando na última Xunta de Goberno a memoria técnica da actuación para crear 83 novas prazas de estacionamento neste céntrico espazo. A actuación ten un custe de 48.383 euros a financiar cos fondos Next Generation e un prazo de execución de 1 mes. A previsión do goberno é contratar a obra no prazo duns quince días, co que o aparcamento poderá estar operativo esta mesma primavera.

Para habilitar este novo estacionamento disuasorio, o Concello utilizará os terreos de titularidade municipal que lle corresponderon polas cesións da urbanización do Bosque de Desamparados. Trátase da parcela de 2.873 metros cadrados que discorre nos seus lados máis longos, entre a parte posterior da Escola Oficial de Idiomas e os solares privados paralelos á rúa Desamparados, e nos extremos máis curtos, entre o arco de pedra e o campo municipal de fútbol da Lomba. O acceso ao estacionamento con capacidade para 83 vehículos realizarase por unha rampla situada no extremo da rúa Desamparados mais próxima ás instalacións deportivas da Lomba.

Segundo se especifica na memoria técnica, a execución da obra conleva a realización do movemento de terras necesario para a retirada de terra vexetal, nivelación do terreo e apertura da caixa para o novo firme, que se construirá cunha base de zahorra artificial e firme de xabre. O perímetro municipal delimitarase con bordo de formigón, material que tamén se utilizará para construír a rampla de entrada e saída do aparcamento. A actuación completarase coa instalación das correspondentes canalizacións para a recollida de augas pluviais e a construción de tres pozos de rexistro.

A diferenza do maioría dos restantes disuasorios habilitados polo Concello nos últimos anos, ao tratarse de terreos de titularidade pública municipal, a execución deste non precisou da firma de ningún convenio.

Plan de Sustentabilidade Turística en Destino

O disuasorio Desamparados finánciase a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) para o cal o Concello de Vilagarcía obtivo 2,5 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation correspondentes ao Plan Estatal Turístico Xacobeo. O PSTD vilagarcián está orientado a desenvolver proxectos tendentes a modernizar e impulsar o turismo sostible mediante accións de recuperación de espazos, dotación de infraestruturas e equipamentos e creación de novos servizos; así como a executar actuacións de sinalización inclusiva e dixitalizada. A intervención de Desamparados encaixa no Eixo 1 deste plan, o denominado de Transición Verde, e que inclúe unha liña destinada ao 'Acondicionamento de párkings disuasorios en colaboración co sector'.

A creación da nova bolsa de estacionamento ampliará oferta de prazas públicas xa existente na zona e permitirá absorber as necesidades de estacionamento que se rexistran no lugar en momentos puntuais como son a celebración de partidos de fútbol ou de torneos nas instalacións deportivas da Lomba, eventos que soen atraer a numeroso público de fora da cidade. Ademais, darán servizo aos propios residentes e tamén ao tráfico de visitantes que veñen a facer compras ou trámites dende os municipios veciños, que poderán estacionar alí e dirixirse a pé as zonas comerciais da cidade, situadas a menos de 5 minutos, como o centro comercial ou a Praza de Abastos.

Un completo eixo de disuasorios entre As Carolinas e O Piñeiriño

A creación de aparcamentos disuasorios na periferia ao centro urbano é unha das medidas que o executivo local leva poñendo en práctica nos últimos oito anos no marco das súas políticas de humanización e mellora da mobilidade na cidade. O disuasorio de Desamparados pasará a incorporarse á liña de bolsas xa habilitadas anteriormente entre a glorieta da Luz Salgada e O Piñeiriño, no eixo que forman as avenidas Rodrigo de Mendoza, Doutor Tourón e Avenida de Cambados. Así, aos estacionamentos públicos dispoñibles na zona dos supermercados das Carolinas, na Finca Douro, no solar municipal anexo e dos dous de Fexdega, súmase o de Desamparados, seguindo a liña cara aos disuasorios da avenida de Cambados, ao da parcela anexa ao colexio do Piñeirño e ao do pavillón de Fontecarmoa.

A estes aparcamento hai que engadir os habilitados noutros puntos do municipio como no triángulo do Con, nos Duráns, en Marxión, na Golpelleira, na Escardia, na Rúa da Concha e en Carril (avenida Rosalía de Castro).