O Concello e a Cámara de Comercio impulsarán a economía local vilagarciá

Varela agradeceu a actitude proactiva da Cámara de Comercio e valorou moi positivamente a posta en común de obxectivos, recursos e estratexias
A Xuntanza celebrouse en Ravella. DS
photo_camera A Xuntanza celebrouse en Ravella. DS

O Concello de Vilagarcía e a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía abrirán unha vía de colaboración para impulsar a economía local. Esta nova liña de traballo conxunta acordouse no encontro que mantiveron en Ravella o alcalde, Alberto Varela, e o presidente do órgano cameral, José García Costa, e no que tamén participaron o concelleiro de Promoción Económica, Álvaro Carou, o xerente da Cámara, Víctor Varela, e un membro do comité executivo, Miguel García.

A reunión foi unha primeira toma de contacto na que os responsables de ámbalas dúas institucións explicaron as iniciativas que están a desenvolver e os recursos que ofrecen cada unha delas, tras o cal puxeron de manifesto a conveniencia de coordinarse á hora de ofrecer recursos e ferramentas para fomentar o emprendemento e atraer actividade industrial á cidade, de xeito que non se dupliquen esforzos e as accións resulten máis eficaces. Con este obxectivo, os técnicos de Concello e Cámara celebrarán novas reunións de traballo nas que se irán concretando as medidas a desenvolver e que poderían concretarse a través da firma dun convenio.

Varela agradeceu a actitude proactiva da Cámara de Comercio e valorou moi positivamente a posta en común de obxectivos, recursos e estratexias de xeito que se poidan optimizar os resultados, salientando, ademais, a importancia da colaboración institucional e entre a iniciativa pública e privada para procurar o desenvolvemento da economía e, en consecuencia, mellorar a calidade de vida das persoas.