O Concello adxudica a construción de 72 novos nichos no cemiterio de Rubiáns

Os novos enterramentos serán xestionados polo Concello, para ter resposta ás peticións de aquelas familias que non os teñen en propiedade ou concesión ▶ Paralelamente, o Concello xestiona outro proxecto para mellorar a accesibilidade e a iluminación do recinto por valor de 266.000 euros

Cementerio de Rubianes. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Cementerio de Rubianes. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Ravella acaba de adxudicar á empresa Miguel Ángel Rey, SL as obras de ampliación do cemiterio xeral de Rubiáns, por importe de 48.400 euros. Con esta decisión, o executivo local dá resposta a unha demanda veciñal e a unha evidencia que veñen detectando os propios operarios do camposanto: a falla de nichos para satisfacer a demanda, especialmente cando se trata das familias de falecidos que non teñen nichos en propiedade ou en concesión, onde si hai espazo.

A nova ampliación será xestionada directamente polo Concello, a xeito de reserva precisamente para eses casos. En total, construiranse 18 columnas de 4 nichos cada unha, é dicir, 72 novos enterramentos conformando un bloque que continuará a trama reticular dos xa existentes na actualidade.

De acordo co proxecto elaborado polo arquitecto municipal e promovido polo concelleiro de Obras e Relacións Veciñais, Lino Mouriño, as obras de construción do novo bloque inclúen tamén a demolición do recinto cinceiro existente ao fondo do camposanto para a liberación do espazo e, por suposto, a creación dunha cimentación sobre a que se levantarán os módulos dos enterramentos. As obras serán financiadas co préstamo que incluía o Presuposto Xeral para executar o plan de investimentos de 2022.

Paralelamente, o Concello xestiona outro proxecto de mellora global do recinto. Redactado polo estudo Arquitectura Obradoiro Aberto SLP prevé varias actuacións, sendo as principais as relativas á mellora da accesibilidade, aínda que tamén está prevista a renovación do sistema de drenaxe e da iluminación, e un estudo preliminar do estado da capela. As obras contan xa con visto bo de Patrimonio –o camposanto é un ben protexido- e a financiación principal da Deputación a través do Plan Concellos, que se complementa cunha achega propia do Concello de arredor de 30.000 euros.