Comezan os traballos de mellora na cuberta do Centro Cultural de Cornazo

A actuación, a cargo da empresa Reformas Trebol, resolverá os problemas de filtración de auga e humidades que sofre a instalación
Casa da Cultura de Os Borrizos en Cornazo, Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Operarios traballando na cuberta da Casa da Cultura de Os Borrizos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Operarios da empresa Trébol comezaron na mañá deste xoves a traballar nas instalacións da Casa de Cultura dos Borrizos co fin de arranxar as deficiencias que presenta a cuberta do edificio municipal e que son a causa das humidades rexistradas no interior do mesmo. A obra contratada polo Concello ten un orzamento de 5.300 euros e encádrase no plan de mantemento e mellora dos centros socio culturais do municipio.

Coa execución desta actuación o goberno local cumpre un compromiso adquirido coa veciñanza de Cornazo na xuntanza mantida en outubro nas mesmas instalacións culturais coa finalidade de coñecer as necesidades da parroquia da man dos seus propios habitantes.

Os traballos iniciados na xornada deste xoves centraranse en evitar a filtración de auga dende a cuberta do edificio, para o cal corrixirase o desprazamento sufrido polas tellas, cortaranse e repararanse as limas con tela de PVC e aplicarase un líquido de tratamento sobre o tellado. Por último, limparanse e selaranse os canlóns da recollida de augas pluviais, que estaban obstruídos e rotos en distintas zonas.

Ao remate da obra, a Casa da Cultura dos Borrizos estará nas mellores condicións de uso e confort para o desenvolvemento das actividades que os colectivos da parroquia organizan de forma asidua nas instalacións municipais.