Ravella esixe á Xunta que dote dos docentes necesarios ao colexio de Carril

Cualifican de "intolerable" a retirada da profesora de apoio da clase de 3 anos para cubrir o desdobramento da de 6ª de Infantil 
Fachada del colegio Rosalía de Castro de Carril. DS
photo_camera Fachada do colexio Rosalía de Castro de Carril. DS

O Goberno local de Vilagarcía lamentou a retirada da profesora de apoio da clase de 3 anos do colexio Rosalía de Castro para cubrir o desdobramento levado a cabo na de 6º de Infantil. "É unha situación intolerable derivada da nefasta xestión e do abandono de funcións aos que a Consellería de Educación nos ten acostumados en Vilagarcía". Así de contundente se amosou Ravella, que esixe á Xunta de Galicia a que, coa máxima urxencia, dote ao centro educativo de Carril dos docentes necesarios para atender aos escolares con todas as garantías. Advirten de que se trata dunha situación que afecta ao alumnado máis vulnerable, o de menor idade, e entre o que hai cativos con necesidades especiais.

O executivo que preside Alberto Varela censura a continuada desatención da Consellería aos centros educativos de Vilagarcía respecto a actuacións que son da súa competencia. Neste caso concreto lembran que tras a mobilización da comunidade escolar de Carril, a Consellería aprobou o desdobramento da aula "só para saír do paso e tratar de cortar o conflito, pero sen intención algunha de solucionar o problema, xa que se negaron a complementar a medida coa imprescindible ampliación do profesorado". A maiores, indican, tivo que ser o Concello o que realizase as obras de acondicionamento das aulas, "porque Educación volveu a negarse asumir as súas responsabilidades".

Dende Ravella lembran que o Pleno aprobou en novembro unha moción instando á Xunta a que desdobrase a aula de Infantil e a que dotara ao centro do profesorado de apoio necesario para cubrir a nova situación. Dado que o acordo adoptouse coa unanimidade de todos os grupos políticos, o executivo local convida ao PP a pronunciarse e esixir a Educación que asuma as súas responsabilidades tanto neste caso, como no relativo ás necesidades do IES do Carril, onde non teñen auga apta para o consumo debido ao mal estado da tubaxe do centro, carecen de ascensor e de auditorio e o parqué do pavillón de deportes precisa unha actuación integral.