O centro sociocultural de Cornazo estrea nova cuberta

A actuación contratada polo Concello, cun custo de 5.300 euros, tivo como obxectivo por fin aos problemas de filtracións e humidades
Casa da Cultura de Os Borrizos en Cornazo, Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Casa da Cultura de Cornazo durante os traballos de mellora na cuberta. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A veciñanza de Cornazo goza xa dun centro sociocultural que, dende fai uns días, rematou as obras de reparación da cuberta realizadas polo Concello. Atendendo a unha demanda trasladada ao goberno local polos usuarios das instalacións nun encontro celebrado alí mesmo, Ravella contratou e executou a actuación que, cun custo de 5.300 euros, supuxo unha importante mellora á hora de utilizar o centro e de cara ao correcto mantemento do inmoble.

A empresa Reformas Trébol foi a encargada de levar a cabo os traballos que tiñan como obxectivo por fin ás filtracións de auga cara ao interior do inmoble e ás conseguintes humidades que estaban a deteriorar as instalacións. A inspección realizada determinou que a problemática debíase ao desprazamento das tellas e á rotura da lima do tellado en varios puntos, ademais de a que os canlóns atopábanse obstruídos e rotos en distintas zonas e non aliviaban correctamente a auga da chuvia.

Os traballos realizados centráronse en resolver estas deficiencias, recolocando as tellas -que se cortaron sobre as limas e se protexeron cun líquido específico-, e reparando as limas coa aplicación de tela asfáltica. Por último, limpáronse e seláronse os canlóns de recollida de pluviais.