A campaña Son da Casa! amplíase ata o día 23 de xaneiro

Os veciños e veciñas vilagarciáns poderán empregar os seus tickets no comercio local
Un dos establecementos adheridos á campaña 'Son da Casa!'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Un dos establecementos adheridos á campaña 'Son da Casa!'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Xusto cando remata o prazo da última edición dos bonos Son da Casa! e despois de comprobar que a mediodía de hoxe aínda quedaban sen utilizar tickets por importe de algo máis de 3.000 euros, a Concellería de Promoción Económica decidiu ampliar ata o vindeiro martes, 23 de xaneiro, o prazo para poder gastalos. Deste xeito, o departamento que dirixe Álvaro Carou trata de que nin compradores nin comerciantes e hostaleiros perdan a oportunidade de beneficiarse dunha medida que repercute de forma positiva nas economías domésticas e no conxunto da economía local.

Aínda que se trata dunha cantidade residual en comparación co montante total dos bonos emitidos o pasado 1 de decembro, que ascendía a 112.500 euros, coa ampliación do prazo para a súa utilización evítase que os titulares destes vales perdan o investimento realizado cando os adquiriron, así como o plus da subvención municipal, e tamén se favorece que eses 3.000 euros acaben efectivamente xerando actividade nos establecementos comerciais, hostaleiros e nos pequenos negocios de servizos adheridos á campaña e nos que é posible pagar cos tickets Son da Casa!

Sexta edición
Na qué é a sexta edición dos bonos Son da Casa! puxéronse en circulación 3.750 packs cun prezo individual de 20 euros. Pagando esta suma, o cidadáns podía facer compras por valor de 30 euros grazas aos 10 aportados polo Concello. Cada lote incluía dous tickets por valor de 10 euros e outros dous de 5, de aí que aínda queden billetes soltos sen utilizar.