"O humor está pouco recoñecido"

Con máis de 117.000 seguidores en TikTok, María Foscaldo entrou no star system galego da man dunha repunante

 Montaxe fotográfica na que se pode ver á personaxe de Virtudes (esquerda) ollando á súa creadora, a xornalista María Foscaldo (Madrid, 1987). JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Montaxe fotográfica na que se pode ver á personaxe de Virtudes (esquerda) ollando á súa creadora, a xornalista María Foscaldo (Madrid, 1987). JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Como foi que estudou Xornalismo. Sempre lle gustou a comunicación?
A min o que me gustaba realmente eran a tele e radio. Estudei Xornalismo pensando niso. O que pasa é que a vida me levou despois á prensa escrita. 

Pero onde acadou repercusión foi nas redes sociais. Comezou directamente en TikTok ou probou con outras antes?
Eu empecei en Facebook como todos. Despois abrín unha conta de Tik Tok en 2021 e me lancei a facer vídeos de dobraxe, pero moi simples. Cando me animei a facer contido propio foi cando creei o personaxe de Virtudes. Antes xa fixera un vídeo de profesores en distintas etapas educativas, que se fixo viral. A partir de aí foi cando creei a esta repunante, que hai pouco cumpriu un ano.

@meryfos #foryou #fyp #viral #tiktok #parati #humor #comedia #repunante #Galicia #bebé #reciennacido ♬ sonido original - Meryfos

 

Un ano? Parece que leva moito máis.
Sempre mo din. Pero non. Foi en outubro ou novembro cando fixo o ano. Como é un personaxe que todo o mundo recoñece fáiseche familiar e parece que leva aí toda a vida, pero que va. Estamos rodeados de xente así, pero Virtudes non ten tanto tempo.

É un personaxe inspirado nalgún da vida real? Ou deixou voar a imaxinación?
Si, si, algo de inspiración si que atopei na vida real. Pero quizais máis ao principio. Hoxe Virtudes ten o seu propio universo, a súa propia familia. A xente xa me pregunta por José Manuel, por Jessica... Xa non necesita tanta inspiración exterior. Con todo é moi fácil seguir recoñecendo os patróns que manexei: xente moi amarrada, moi criticona, etc.

"Para crear a Virtudes atopei inspiración na vida real, pero hoxe xa ten un universo propio"

Chegou a adiviñar o percorrido que podería ter o personaxe?
Para nada. Virtudes naceu para protagonizar tres vídeos sobre unha voda: criticando na igrexa, no banquete e ao fotógrafo. A idea era seguir despois creando outro tipo de contido humorístico, que tamén sigo facendo, pero sen ela. Nunca imaxinei que a xente me diría que é a súa avoa, a súa sogra, a súa nai... Sobre todo fóra de Galicia. Iso foi algo que me sorprendeu moito. En Latinoamérica ou en Andalucía, aínda que non lle chamen repunante, recoñecen ese tipo de persoa. Ao final é un personaxe universal. Por iso, cando me din que fago unha parodia dos galegos, respondo que para nada. Eu o que fago é unha parodia dese tipo de persoa. Virtudes é galega, pero podería ser de Cuenca.

"Eu empecei en Facebook como todos. Ata que abrín unha conta en TikTok e me lancei a facer vídeos"

Tirar do humor foi algo que tivo claro dende o principio ou cadrou?
Cando empecei a facer contido propio tiña claro que tiña que ser humor. Para min o humor é súper importante. Tenme axudado moitísimo. Acórdome de ver pola tele as obras de teatro de Lina Morgan e partirme de risa. Sempre me pareceu que esa muller era un xenio. Despois os programas de Cruz y Raya, que botaban cando eu era pequena. Fun súper fan de Cruz y Raya. Para min o humor é fundamental e creo que está pouco recoñecido, que se lle dá pouco valor. E esta sensación refórzama a xente cando me dá as grazas por facelos rir nuns tempos nos que fai tanta falta. 

"Acórdome de ver a Lina Morgan pola tele e partirme de risa. Sempre me pareceu queesa muller era un xenio"

Fóra de Virtudes ten compartido vídeos moi graciosos como o da ITV.
Fíxate que ese vídeo, contra todo prognóstico, triunfou moitítimo. Digo contra todo prognóstico porque a miña idea era outra e cando o vin montado non me convenceu. Como non me gustaba gardeino. Estivo máis de 15 días aí parado sen publicar. Ao final pensei, va, xa está feito, para adiante. Non contaba para nada que tería tanto éxito e que tanta xente se sentiría identificada co tema da ITV. Pensaba que esas cousas só me pasaban a min, pero parece que non.

Autocensúrase á hora de facer humor? Hai temas que prefire non tocar ou non pensa niso?
Si que hai temas que prefiro non tocar, pero non porque pense que non se pode facer humor sobre elas, senón porque creo que non o faría ben. Realmente eu son das que penso que se pode facer humor con todo. Outra cousa é que haxa público ao que non lle guste o humor negro, por exemplo. Tamén o entendo. Nese caso non o consumes e punto. Non son das que di "non, diso non se pode facer humor" ou das persoas que se ofenden moito se se fai humor coa relixión ou ese tipo de cousas. Agora ben, humor non é ofensa. Se todo se reduce a unha colección de insultos, iso non é humor. O humor sempre debe ser intelixente. 

"Eu son das que pensa que se pode facer humor con todo. Agora ben, humor non é ofensa. Se todo se reduce a unha colección de insultos, iso non é humor"

Como é a súa experiencia nas redes sociais? Tivo que enfrontar moitos repunantes?
Algún hai. Eu chámolle o repunante dos 100.000 quilómetros. Cada 100.000 quilómetros tenche que saír porque a vida é estatística. Pero en xeral a miña experiencia é moi positiva. Faime unha ilusión tremenda cando alguén que me conta que lle tivo que descargar o Tik Tok á súa avoa de 90 anos para poder seguir os vídeos. Ou ver a nenas que se disfrazan de Virtudes. Que despois che aparece un despistado dicíndoche calquera parvada, pois mira é que nin sequera o tomo a mal. Porque hai xente que non o entende, xente que non o quere entender e xente á que non lle gusta, que está totalmente no seu dereito. A min tampouco me gusta todo o que vexo. Así son as cousas: non lle podes gustar a todo o mundo e eu nin o pretendo.

"Algún repunante nas redes sempre aparece. Cada 100.000 quilómetros tenche que saír un despistado dicíndoche calquera parvada porque a vida é estatística. Eu nin sequera o tomo a mal"

Como leva a fama?
Ai, pero que fama... (ri)

Quéirao ou non forma xa parte do star system galego: fai publicidade, foi pregoeira das festas de Vilagarcía... E este Nadal participou no especial do Atrápame se podes con Pili Pampín, Ortiga e outros.
Pois todo iso que dis lévoo moi ben porque todo é agarimo e cousas boas. Que me saia traballo, que me inviten a facer cousas bonitas, que poida vivir experiencias que nin nun millón de anos imaxinaría... Iso todo é estupendo. Pero é que ademais, cando me para a xente e me pide unha foto, sempre é con cariño. Como lle vas dicir que non? Como llo vas tomar a mal? Ao contrario! Moitas veces píllanme coas pintas de ir sacar ao can e son eu a que lles pido perdón porque vaia recordo lles queda. 

Nunca pensou en levar a Virtudes ao escenario? Facer un pequeno monólogo con ela ou algo así?
Xa mo teñen proposto, incluso en serio, a nivel profesional. Pero por agora non me vexo. Infúndeme moito respecto o escenario. Admiro tantísimo a monologuistas galegos, españois e estranxeiros... Sei que o que fan é moi difícil. Eu fago vídeos de dous ou tres minutos a partir dun bruto de igual 15. De aí a estar unha hora en directo hai moito camiño. Non o vexo claro polo momento. Aínda que nunca podes dicir nunca, téñolle demasiado respecto polo de agora. Pensar en enfrontar un escenario eu soa dáme moita vertixe.

Como é a súa relación con Virtudes? Teme que a acabe devorando? Gustaríalle matala nalgún momento?
Si, moitas veces dime a xente que teñe coidado que igual me acaba comendo a personaxe. Son cousas que se lle din ás actrices, pero no meu caso non ten moito sentido porque eu non o son. Ademais é que non temos nada que ver. Vexo difícil que me devore porque precisamente a creei para poder criticar a ese tipo de persoa. No momento no que deixe de gustar, matámola e tirámola por un barranco. Pero mentres lle siga gustando á xente, que viva.