'Bueno Carallo Bueno' inaugura a tempada de exposicións na sala Rivas Briones

A orixinal mostra componse de pinturas de José Freixanes complementadas con poemas de Alberto Avendaño

Alberto Avendaño. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alberto Avendaño. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A sala municipal Antón Rivas Briones acolle a partir deste venres a primeira exposición do ano. Trátase de Bueno Carallo Bueno, a orixinal proposta pictórica-poética que presentan o artista José Freixanes e o escritor e xornalista Alberto Avendaño. A mostra, que xurde do libro do mesmo título no que os dous creadores plasmaron a súa primeira colaboración poderá visitarse ata o 25 de febreiro, de luns a sábado de 10.30 a 13.30 horas e de 18.00 a 21.00 horas, e o s domingos de 11.00 a 14.00 horas.

A exposición Bueno Carallo Bueno consta de 39 pinturas de distintos formatos e técnicas do artista plástico, ás que acompañan a poesía de Avendaño, inspirada na tradición xaponesa, pois estrutura os seus versos en haikus e tankas propios da cultura nipona.

José Freixanes (Pontevedra, 1953) é membro do Grupo Atlántica e na actualidade imparte clases na Facultade de Belas Artes de Granada. Pola súa banda, Alberto Avendaño (Vigo, 1957) é un escritor e recoñecido xornalista, membro fundador do Colectivo de Comunicación Poética Rompente. Afincado en Vilagarcía dende hai uns anos, foi profesor da John Hopkins University e director da edición en español do xornal The Washington Post. Recentemente foi nomeado membro numerario da Academia Norteamericana de la Lengua Española.