Os bonos 'Son da Casa!' regresan polo Nadal con 3.750 packs para gastar no comercio local

A sexta edición do programa ponse en marcha o venres 1 de decembro ▶ Os cidadáns pagarán 20 euros polo pack de tickets cos que poderán facer compras por valor de 30 grazas aos 10 euros que aporta o Concello

Un dos establecementos adheridos á campaña 'Son da Casa!'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Un dos establecementos adheridos á campaña 'Son da Casa!'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O día 1 de decembro dará comezo o Nadal en Vilagarcía co lanzamento da sexta edición dos bonos Son da Casa!. Despois do éxito das anteriores campañas e mantendo os obxectivos de dinamizar o comercio e a hostalaría locais e de axudar aos consumidores a alixeirar os gastos desta época do ano, o Concello volve a dedicar 37.500 euros a subvencionar os 3.750 lotes de bonos que os cidadáns poderán adquirir e gastar entre o 1 de decembro e o 16 de xaneiro. Como nas edicións pasadas, cada pack custará 20 euros e permitirá facer compras por importe de 30 grazas aos 10 euros que aporta a administración local.

As normas de funcionamento son similares ás das anteriores edicións. Cada persoa maior de idade poderá adquirir un máximo de dous lotes de bonos. O sistema de compra é online, a través da seguinte plataforma, aínda que para facilitar o acceso a todo tipo de públicos faranse dúas ventas físicas p ara aquelas persoas que non se manexen ou carezan domedios tecnolóxicos para facer o trámite telemático. A carpa para a venta presencial instalarase na Praza de Galicia os días 2 e 16 de decembro, poñendo á venta 250 packs en cada xornada.

Preto de 300 establecementos comerciais e de prestación de servizos

Cada lote componse de dous tickets de 10 euros e outros dous de 5 euros que se poderán utilizar nos establecementos adheridos á campaña. En anteriores edicións o número de locais de venta de produtos e de prestación de servizos sumados á iniciativa situouse preto dos 300, destacando o amplo abano de posibilidades nas que se podían empregar os bonos, dende tendas de alimentación, a madeira, música, téxtil, xoierías, zapaterías, agasallos, restauración, bares, florerías, deportes, perruquerías, decoración, clínicas de fisioterapia, librarías, ferraxerías, complementos, paxareiras, papelerías, perfumerías…
Os consumidores poderán recoñecer estes establecementos a través do distintivo da campaña Son da Casa! 2023 que teñen que exhibir nos escaparates.

Aberta a adhesión de novos establecementos

Os negocios que aínda non estean adheridos, poden solicitalo a través da sede electrónica e logo deberán pasar a recoller o adhesivo que os acredita como participantes na campaña de Nadal Son da Casa 2023. Os consumidores tamén poderán consultar a lista de establecementos participantes na web.