A Xunta concede axudas por valor de 360.000 euros ao emprendemento feminino do Salnés

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade favorecerá a consolidación ou creación de 50 postos de traballo desempeñados por mulleres na comarca e preto de 350 en toda a provincia
Agustín Reguera durante a súa visita á empresa Tetereta. DS
photo_camera Agustín Reguera durante a súa visita á empresa Tetereta. DS

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vén de conceder axudas do Programa de axudas de fomento do emprendemento e o emprego feminino, a 25 proxectos empresariais impulsados por mulleres na comarca do Salnés cun investimento de preto de 360.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, informou desta resolución esta mañá nunha visita á empresa Tetereta de Vilagarcía de Arousa que vai recibir unha achega de 16.000 euros, ao abeiro da liña Activa deste programa, orientada á consolidación de empresas lideradas por mulleres por medio da aplicación de medidas de renovación, relanzamento ou ampliación do seu negocio. 

Acompañado polo xefe territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, José Antonio Rodríguez Fachado, o delegado territorial lembrou que este tipo de axudas destinadas a afianzar o emprego feminino son “fundamentais para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria” e supoñen “unha importante axuda para as preto de 140 empresarias que se benefician delas en toda a provincia de Pontevedra”. 

Máis alá da tenda A Tetereta, estas axudas chegaron a 24 empresas máis na comarca, un número que supera as beneficiadas o ano pasado. En total, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vai favorecer a consolidación ou creación de 50 postos de traballo de mulleres no Salnés e preto de 350 en toda a provincia. 

Cabe destacar que a Xunta ten apostado de forma contundente polo emprego e a igualdade en toda a comunidade autónoma nos últimos anos. No caso de Vilagarcía, entre os apoios ao concello e os ofrecidos a asociacións, clubs, colexios, AMPAS, empresas e demais entidades afincadas nesta localidade, a Xunta investiu entre o 2019 e o 2022, máis de 6.6 millóns de euros en políticas que fomentaron a creación ou mantemento do emprego e a igualdade.