Arranca a conta atrás para a reforma do Cavadelo coa adxudicación da obra do skate park

Prace Servicios y Obras, a construtora que executou a humanización de Arcebispo Lago, acometerá o proxecto re renovación do céntrico parque urbano ▶ Os traballos contan cun investimento de 373.155 euros que se financian a través do plan Concellos 2022 e teñen un prazo de execución de 5 meses

Parque do Cavadelo en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Parque do Cavadelo en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Ravella acordou este luns adxudicar á empresa Prace Servicios y Obras S.A. a construción do novo skate park do Cavadelo. O proxecto co que se remodelará o céntrico parque urbano para convertelo nun espazo de ocio e encontro orientado á práctica dos deportes urbanos conta cun investimento de 373.155 euros que se financia con fondos propios e unha subvención do Plan Concellos 2022. A actuación a realizar responde á necesidade de renovar un espazo degradado polo uso e o tempo e a unha demanda dos usuarios das actuais instalacións, aos que se lles consultou previamente para coñecer as necesidades das distintas disciplinas e recollelas no proxecto.

O parque do Cavadelo construíuse hai case tres décadas e apenas se actuou nel dende entón mais que para efectuar pequenos arranxos de mantemento, de aí que pese a emprazarse nun lugar privilexiado da cidade, presente unha imaxe obsoleta e decadente. Os traballos que se van a executar agora adaptarán o céntrico parque á estética e aos requirimentos do século XXI e o converterán nunha gran área de encontro e convivencia entre os deportes urbanos e a cidadanía.

Para conciliar o cambio estético e funcional do parque e renovar as instalacións do skate, o Concello encargou o proxecto aos Javier Segura e Andrea Gesteiro, ámbolos dous con experiencia no deseño de infraestruturas adicadas aos deportes urbanos. A actuación prevista inclúe instalacións perfectamente equipadas e seguras destinadas á práctica de disciplinas como o skate, o parkour, o break dance e o BMX. Ademais, o parque manterá as canchas de baloncesto e darase maior presenza ás zonas verdes e aos espazos de recreo para que a cidadanía poida gozar delas á vez que achegarse a coñecer estes deportes. Para evitar que os peóns bordeen o parque para chegar á zona do Centenario, crearanse corredores que animen a pasar e a permanecer tamén no Cavadelo.

Cada modalidade deportiva contará cunha área propia para a súa práctica, dotada de equipamentos e infraestruturas específicas, orientadas cara o centro do parque para favorecer a comunicación e interacción social entre practicantes das distintas disciplinas e tamén entre o público e os transeúntes. Os arquitectos tamén tiveron en conta os materiais a utilizar en cada unha destas áreas deportivas, optando polos máis axeitados para a súa práctica.

Unha vez adxudicada a obra a Prace, deberán cumprimentarse os apartados de presentación de documentación e forma do contrato para, a continuación poder iniciar os traballos que teñen un prazo de execución de cinco meses.

A gran transformación da avenida da Mariña
Esta actuación, xunto coa demolición da Comandancia para a futura construción do centro de saúde, e a creación dun corredor verde na zona do Ramal transformará por completo a imaxe da franxa máis occidental da Avenida da Mariña.