Vilagarcía propón aumentar un 20% as axudas á alimentación e hixiene

A proposta xustifícase polo "incremento notable" deste tipo de solicitudes trala pandemia e a crise económica derivada da guerra de Ucraína
photo_camera Servicios Sociais advertiu un incremento da demanda. DS

O vindeiro Pleno ordinario en Vilagarcía, previsto para o xoves 23, debaterá unha proposta da concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Tania García, a fin de modificar as bases das Axudas Municipais e Inclusión Social. O obxecto é incrementar un 20% as axudas relativas á alimentación e a hixiene persoal. A contía total pasará, así, de 100.000 a 125.000 euros, e as axudas poderán chegar os 300 euros mensuais no caso de unidades familiares de 5 ou máis membros. As individuais serán de 60 euros/mes. A partir de aí vanse incrementando en función do número de membros da unidade familiar: 2, 120; 3, 180; 4, 240; 5 ou máis, 300.

A medida xustifícase nos propios informes de Servizos Sociais, que advertiron un "incremento notable" na demanda deste tipo de axudas respecto dos últimos anos, especialmente a raíz de crise sanitaria do covid logo agravada pola crise económica derivada da guerra de Ucraína e, máis recentemente, pola desaparición da denominada Tarxeta Moedeiro da Xunta de Galicia para garantir gastos de alimentación e hixiene.

Segundo os datos que manexa Servizos Sociais, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022, foron instruídos 2.324 expedientes, dos cales 577 foron solicitudes de axudas municipais de inclusión social (AMIS). Deses 577 , 332 foron axudas vinculadas a gastos de alimentación e hixiene, cun gasto estimado de 122.000 euros, é dicir, 22.000 máis dos consignados inicialmente. So no primeiro trimestre de 2022, dende Servizos Sociais se tiñan tramitado 224 tarxetas moedeiro da Xunta (unha axuda que agora xa non existe). Vista a tendencia, é polo que a concellería que dirixe Tania García considera que é necesario incrementar as axudas e, polo tanto, modificar as bases, que é o que se vai debater no pleno.

As achegas, que, como se di, se calcularán en función do número de membros da unidade familiar, terán unha vixencia de seis meses nun período de doce, "agás ausencia total de ingresos na unidade familiar de convivencia, podendo ser prorrogable ata un máximo de 6 meses previa valoración técnica". Ademais, no caso de ausencia total de ingresos, a contía podería incrementarse ata un 50%, segundo a valor ación técnica dos servizos sociais.