Alberto Varela reúnese co alcalde galego de Xenebra

O rexedor da capital helvética visitou a FEGAMP no que foi o seu primeiro acto institucional en Galicia 
Imaxe do encontro do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e do de Xenebra. DS
photo_camera Imaxe do encontro do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e do de Xenebra. DS

O alcalde de Vilagarcía e presidente da FEGAMP, Alberto Varela, mantivo na mañá deste martes unha reunión co alcalde de Xenebra, o galego Alfonso Gómez, que tomou posesión do mando da cidade helvética o pasado mes de xuño. Os rexedores tiveron a oportunidade de intercambiar experiencias sobre a xestión municipal nas súas respectivas cidades, así como de confrontar os retos que deberán asumir nos vindeiros anos.

O encontro con Varela foi o primeiro acto institucional que o alcalde de Xenebra realiza en Galicia e responde á invitación trasladada dende a FEGAMP. Tras asinar no libro de honra, os rexedores mantiveron un cordial encontro que serviu para coñecer como foi o proceso que rematou coa elección de Alfonso Gómez como alcalde da segunda cidade máis grande de Suíza, ademais de abordar a situación política e administrativa do país helvético. Tamén se trataron os principais problemas e retos que afrontan os concellos galegos, nun período marcado polas consecuencias da pandemia do covid e a suba de prezos, e pola falta de financiamento axeitado para que os municipios poidan cumprir cos servizos que teñen que prestar.

Os alcaldes coincidiron na necesidade de avanzar na aplicación de políticas locais de desenvolvemento sostible, apostando pola proximidade tanto na atención pública como na actividade económica, que fagan dos concellos ámbitos saudables para vivir e para traballar.