A Deputación renovará o céspede do campo da Bouza de Ribadumia

O Goberno provincial investirá preto de 46.000€ para mellorar esta instalación deportiva
Campo da Bouza de Ribadumia. ADP
photo_camera Campo da Bouza de Ribadumia. ADP

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda ao Concello de Ribadumia, por valor de preto de 46.000 euros, coa que este municipio do Salnés poderá facer fronte á renovación do céspede artificial do campo de fútbol da Bouza, ubicado no núcleo de Barrantes. Esta achega forma parte do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación.

O Goberno municipal recibirá un total de 45.946,71 euros para reparar o estado actual do céspede deste campo, que no seu estado actual pode supoñer un risco para os xogadores por mor do desgaste a causa do paso do tempo.

As obras que se acometerán no campo consistirán na desinstalación do céspede artificial e do equipamento deportivo existente, a regularización do pavimento asfáltico, a limpeza do sistema de drenaxe, a subministración e instalación do novo céspede e a montaxe do equipamento deportivo xa existente.

Tal e como anunciaron dende a Deputación, instalarase un novo céspede de última xeración. Este estará elaborado de 25 milímetros de espesor e composto por unha mestura de resinas de 1,7 milímetros de ancho. Será estendido mecanicamente mediante unha máquina autopropulsada de placas calefactadas e un control de nivel tipo SMG Planomatic.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra xa mobilizou ata o momento máis de 2,7 dos 4 millóns de euros cos que conta no orzamento total. Trátanse dun paquete de axudas que están destinadas a municipios con menos de 50.000 habitantes.