A comedia 'Entrega en man' chega esta fin de semana ao Auditorio

A obra está asinada polo famoso dramaturgo Martin McDonagh, dirixida para a ocasión polo director teatral galego Cándido Pazó
Auditorio de Vilagarcía. DAVID FREIRE
photo_camera Auditorio de Vilagarcía. DAVID FREIRE

O teatro regresa esta fin de semana á axenda cultural de Vilagarcía e faino cunha comedia do famoso dramaturgo Martin McDonagh, dirixida para a ocasión polo director teatral galego Cándido Pazó e representada pola compañía Contraproducións. Trátase de Entrega en man, unha obra protagonizada por Evaristo Calvo, Santi Romay, María Roja e Diego Sales, louca e denegrida na que, a base dun humor mordaz e corrosivo, zumegan os temas do racismo, o machismo e a xenofobia. O espectáculo terá lugar o sábado, 25 de maio, no Auditorio a partir das 20.00 horas.

As entradas para esta representación pódense adquirir anticipadamente a través de ataquilla.com (máis custes de xestión) ou, de non esgotarse antes, o día da función a partir das 18.00 horas no Auditorio. A entrada xeral custa cinco euros e a bonificada para titulares do carné xove, persoas maiores e desempregadas, tres euros.