Adxudicadas as obras do pump track da Florida cun prazo dun mes e medio

A actuación foi encargada á empresa Serviplus Total, SL por un prezo de 48.221 euros ▶ A reforma do vello circuíto de BMX foi consensuada cos propios usuarios e desenvolvida polo estudo Move, especializado neste tipo de intervencións

Infografía completa do pump track da Florida. CEDIDA
photo_camera Infografía do pump track da Florida. CEDIDA

Tal e como vaticinara o concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, na presentación do proxecto, en novembro pasado, o circuíto de pump track da Florida será unha realidade na vindeira primavera: Ravella acaba de adxudicar as obras á empresa Serviplus Total, SL por un importe de 48.221 euros e un prazo de execución de 45 días unha vez asinado o contrato, circunstancia que se producirá nos vindeiros días. Polo tanto, se non hai impedimentos (meteorolóxicos, fundamentalmente) o ci rcuíto estaría dispoñible a principios do mes de abril.

Infografía do pump track da Florida. CEDIDA
Infografía completa do pump track da Florida. CEDIDA

O espazo da Florida será o primeiro de Galicia coa característica de ser polivalente, con dous recorridos diferenciados para adultos e rapaces ou ben máis ou menos destros . O deseño foi realizado polo enxeñeiro Miguel Fiuza, do estudo Move, especializado neste tipo de instalacións, despois de escoitar as demandas do goberno local -representado neste caso polos concelleiros de Medioambiente e de Turismo, Diego García e Álvaro Carou- pero especialmente dos propios afeccionados a esta modalidade deportiva, que participaron en diversas reunións con técnicos e políticos.

O resultado deste proceso de escoita e consenso é o proxecto que se vai desenvolver nos vindeiros días, cando o vello circuíto de BMX da Florida, hoxe en desuso, comece a tomar unha nova forma, a propia dos Pump Track, é dicir, unha pista que dispón de rodetes e xiros bruscos en varios tamaños e formas. Estes se utilizan para xerar velocidade ao bombear a bicicleta (movemento de empuxe) e non pedaleando. O circuíto terá un ancho de rodaxe de 1,5 metros e unha lonxitude aproximada de 116 metros (circuito total), de sentido único, o que minimiza o risco de accidentes en pista. A dirección de circulación sinalizarase mediante simboloxía, así como a marcaxe de carrís.

Ademais de satisfacer unha demanda de deportistas locais, o goberno local confía en que este circuíto se converta tamén nun novo atractivo da cidade, pois quen desfrutan deste tipo de instalacións non dubidan en desprazarse polos distintos concellos en busca de novas experiencias.