Vilalonga recreará as súas antigas badaladas e contará cunha San Silvestre

▶ A Aldea de Nadal do colectivo Os Cruceiros acada un mes de programación, cun crecemento exponencial sen precedentes ▶ Abrirase o 1 de decembro e o domingo 3 será o día grande
A Aldea de Nadal nunha edición anterior. DS
photo_camera A Aldea de Nadal nunha edición anterior. DS

Non só recupera a súa ubicación orixinaria na alameda de Vilalonga, senón que medra exponencialmente ata acadar un mes de programación, todo un fito tendo en conta que a iniciaitiva ten tan só tres anos de vida, que precisamente cumpre este decembro de 2023. A Aldea de Nadal da parroquia sanxenxina de Vilalonga, organizada polo colectivo Os Cruceiros de xeito altruista, dá así un gran paso adiante cunha completa programación na que as novidades encherán as fins de semana e varias xornadas dende o día 1 de decembro ata o 5 de xaneiro, coa xornada do 3 como día grande.

Unha das máis chamativas é a celebración das badaladas pre-fin de ano que terán lugar o 30 de decembro (12.00 horas do mediodía), e que se levarán a cabo no actual edificio de Abanca, onde se recreará o reloxo que tradicionalmente soaba en Vilalonga. Ademais, o 29 de decembro a parroquia estreará a súa San Silvestre solidaria da man da Comisión de Festas de Gondar, que percorrerá diferentes lugares da zona e que terá como destino a propia alameda, onde se levará a cabo a entrega de premios.

Ademais, haberá pregón, deporte, música, obradoiros e, por suposto, o mercadiño solidario que terá como destinataria á Asociación Bicos de Papel. "Comezamos cunha fin de semana e agora temos un mes enteiro. Este ano quixemos tocar todos os campos, e mesmo haberá unha exposición de pintura na que o artista pintará un cadro en vivo", asegurou a presidenta de Os Cruceiros, Marta Caneda. E é que sacar adiante a cita supuxo un arduo traballo durante os últimos meses, nos que a asociación xa comezou coas primeiras xuntanzas o pasado xuño, creando unha gran rede de colaboracións na que se atopan as Mulleres Rurais A Candelaria, das comisións de festas de Gondar e Vilalonga, o F.C. Vilalonga, Asociación de Veciños de Vilalonga, Coro parroquial de Vilalonga, e o Concello.

O AVÓ, PREGOEIRO. Nesta edición especial do Nadal de Vilalonga non podía faltar o cariño aos maiores. Por iso, a organización vén de lanzar un concurso que estará activo ata finais de novembro para situalos nun lugar de honra, e elixir entre os avós e avoas da parroquia ao pregoeiro ou pregoeira da festa. Para participar, serán os netos os que deban gravar e enviar un vídeo do seu avó ou avoa contando unha anécdota, e o mellor será quen ostente o título. "Neste tipo de actividades sempre nos adoitamos enfocar nos nenos e as persoas maiores merecen a súa importancia. Trátase de que as persoas da terceira idade participen nas cousas que pasan na parroquia. A aldea de Nadal non só é para os cativos", asegurou a presidenta de Os Cruceiros.

As actividades 
Venres 1  de decembro * Inauguración e prendido das luces, pregón, mercadiño de Nadal e música de bandas locais.
Sábado 2 de decembro * Contacontos con Atenea, pandereitada e concerto.
Domingo 3 de decembro * Dende as 11.00h: Sorteos, sesión vermú e polbeiro. A partir das 17.00h: Actuación de Os Cruceiros, visita sorpresa, chocolatada e posto de churros. Mercado solidario todo o día.
Domingo 10 de decembro * Exposición de pintura ao vivo por Barbi.
Luns 11 de decembro * Obradoiro de centros.
Sábado 16 de decembro * Concerto solidario de panxoliñas.
Sábado 23 de decembro * San Silvestre solidaria.
Venres 29 de decembro * Partido solidario e festa.
Sábado 30 de decembro * Badaladas e sesión vermú.
3 e 4 de xaneiro * Obradoiro de galletas de Nadal.
Martes 5 de xaneiro * Recepción dos Reis Magos, inchables e festa.