O Partido Popular prescinde da oposición nas xuntas xerais das tres empresas municipais de Sanxenxo

O BNG tilda de "escándalo" a decisión do alcalde de eliminar do consello de administración de Nauta, Ínsula e Turismo de Sanxenxo aos representantes dos grupos da oposición
O voceiro do BNG, Fran Leiro, no centro da imaxe. ARQUIVO/ JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O voceiro do BNG, Fran Leiro, no centro da imaxe. ARQUIVO/ JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Nas xuntas xerais das tres empresas municipais do concello (Nauta, Ínsula e Turismo de Sanxenxo), que tiveron lugar durante a mañá deste mércores 23 de agosto, o Partido Popular decidiu, de xeito unilateral, suprimir a presenza de representantes da oposición nestes consellos de administración. Trátase dun feito que, en palabras do voceiro nacionalista, Fran Leiro, é "un auténtico escándalo e unha flagrante falta de respecto aos milleiros de veciños e veciñas que non votaron ao PP nas pasadas eleccións".

Leiro tamén denuncia que ata o de agora as tres empresas municipais sempre contaron cun integrante da oposición no seu órgano directivo, algo que "é totalmente lóxico, xa que falamos de entidades municipais e, polo tanto propiedade de todos os veciños e veciñas, polo que a directiva debe contar con representación dos demais grupos políticos". Leiro critica que, para poder aplicar esta decisión, o alcalde non dubidou en modificar os estatutos de Turismo de Sanxenxo, concretamente o seu artigo 12.1, no que se especificaba que o consello de administración debía contar cun membro da oposición.

Polo seu lado, o BNG votou en contra desta decisión en cada unha das xuntas xerais. "A actitude caciquil do señor Martín non ten xustificación", denunciou Fran Leiro, que se pregunta "cales son as razóns polas que o alcalde non quere que a oposición teña presenza e voz nos consellos de administración das tres empresas municipais. Telmo Martín actúa con estas entidades públicas coma se se tratase dun negocio privado, da súa propiedade, e iso é inaceptable", engadiu o voceiro nacionalista.

O BNG rexeita o argumento dado polo alcalde na celebración destas xuntas, nas que alegou razóns de axilidade para non contar cos concelleiros da oposición. "O que o señor Martín nos está a dicir é que para el a democracia e a transparencia son atrancos que prefire evitar para así poder traballar mais áxil, sen ter que escoitar a ninguén, e sen ter que redir contas", sinalou Fran Leiro, que salienta o traballo "fiscalizador, proactivo e colaborador" que o BNG mantivo sempre durante todos os anos nos que estivo presente nas empresas municipais.