RAFAEL RODRÍGUEZ, ARQUEÓLOGO PROVINCIAL

"As recreacións serán virtuais, non se tocará ningún elemento físico"

RAFAEL RODRÍGUEZ, ARQUEÓLOGO PROVINCIAL. DAVID GARCÍA
photo_camera Rafael Rodríguez, arqueólogo provincial. DS

O xacemento da Lanzada xa está encamiñado, co ánimo de preservar o mellor posible a contorna, sen que este resulte afectado. Por iso, a tecnoloxía xogará un importante papel á hora de poñer en valor este tesouro patrimonial.

Canto camiño se percorreu ata agora durante as investigacións neste xacemento?
O que temos aquí é unha sucesión de ocupación humana dende o século VIII a.C. ata o día de hoxe. Temos todas as etapas da protohistoria e da historia, non soamente de Sanxenxo, senón tamén de toda Galicia. Bronce, época castrexa, época romana e ata o XIX coa romaría, o 'boom' do turismo dos anos 70 e incluso hoxe en día cos chalés e os chiringuitos. Podemos estar arqueoloxía neste mesmo intre.

Cales son os achados máis relevantes ata o de agora?
Os dous elementos máis senlleiros son, por un lado, a primeira factoría de salgados do noroeste que se ten documentado ata o momento, e que data polo século III e o século II a.C., así como a gran necrópole que se excavou nos anos 60 e 70, como na última campaña onde documentamos 18 individuos, 13 de en torno a un ano de vida, e tres adultos. Isto válenos, primeiro, para ter restos humanos, que é complicado na época romana polo tipo de solo que hai en Galicia. Neste caso, ao ser area, consérvanse moi ben. E, ademais disto, tamén podemos coñecelos un pouco máis. Non como morrían, se non como vivían, que alimentación tiñan, ou como se adicaban. Todos eses marcadores témolos nos ósos. Incluso agora mesmo estamos facendo experimentos con intelixencia artificial, que aínda non son serios, para poñerlle cara a esta xente. Por exemplo, a famosa señora Cornelia que nos apareceu no ano 16 xa ten cara. Hai que envellecela un pouco e traballar un pouco máis, pero xa sabemos que aspecto podería ter. Agora, imos facer o mesmo cos outros dous individuos e cos restos dos bebés, nos que tamén temos que seguir traballando, porque unha das grandes incógnitas é de que morreron ou como. É importante saber que pintan aquí 13 indivíduos tan pequenos, todos enterrados no mesmo sitio.

Que se agarda atopar coa nova ampliación da excavación?
Eu creo que imos conseguir máis desta factoría de salgados. A intención é acabar de definila en extensión, ver como son estas edificacións das que non podemos aínda facer un 3D. Logo, tamén veremos que pasa con esas outras estruturas que saíron no xeorradar, para saber se é unha área habitacional, se son casas de traballadores da factoría ou anteriores, ou se hai outra cousa. Un dos problemas que temos, é que hai unha ocupación romana moi definida polos materiais, pero non temos estruturas definidas de casas desta época. Parte destas estruturas poden saír aí, e pode tamén que sigan aparecendo cadáveres coma os que documentamos durante os traballos que levamos a cabo no ano 2016.

En que parámetros se acometerá a musealización desta zona?
Farémolo do xeito máis sostible posible, e que teña o menor impacto sobre a contorna na que estamos. O que levaremos a cabo é o que coñecemos coma unha musealización branda. É dicir, instalaremos paneis con códigos QR, con moita recreación virtual e moitos 3D. O obxectivo é que a xente poida acceder a moita información, pero con cinco ou seis paneis e, sobre todo, con moito soporte 'online'. O que queremos é xerar o menor ruido posible nesta zona,tanto no que respecta ao medio ambiente como aos restos arqueolóxicos.

Haberá algunha recreación para que o público poida figurarse como era a vida neste xacemento?
Se facemos recreacións, serán virtuais. De feito, xa estamos traballando nalgunha virtualización, xa hai algunha cousa feita neste sentido. Algúns destes contidos témolos na web de 'Trazas de Pontevedra' pero, en calquera caso, o que fariamos sería traballar sobre un soporte virtual. Aquí non se tocará ningún elemento físico.