O BNG de Sanxenxo solicita un protocolo para a páxina de Emprego de Sanxenxo

Fran Leiro asegura que é necesario debido a algunhs empresas que non cumpren coa lei, ademais de que a páxina cerra durante agosto
O voceiro do BNG, Fran Leiro, no centro da imaxe. ARQUIVO/ JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O voceiro do BNG, Fran Leiro, no centro da imaxe. ARQUIVO/ JOSÉ LUIZ OUBIÑA


O BNG de Sanxenxo solicita un protocolo que sirva para garantir un correcto funcionamento da páxina municipal de Emprego de Sanxenxo nas Redes Sociais.Trátase este dun espazo virtual no que se achega informació sobre ofertas laborais e que, segundo Fran Leiro, o representante do BNG "vimos detectando eivas e recibindo queixas sobre as ofertas publicadas". 

Así, din que un dos principais problemas que presenta o servizo é que "se están a publicar anuncios e ofertas que non son acordes á lei vixente en materia laboral, ademais de que algunhas inclúen valoracións sexistas. Consideramos necesario que se lles requira ás empresas que nas ofertas que se acheguen se especifiquen todos os detalles do posto ofertado e que cumpran coa normativa en cuestións como o horario, o salario e outras condicións", recalcou Leiro, que finalmente solicitou o protocolo para "garantir contidos series e respetuosos".

Ademais, tamén incidiron en que esta páxina estea operativa durante a tempada estival, xa que a páxina permanece pechada por vacacións dende o 1 ata o 21 deste mes. "Resulta incomprensible que a páxina de Emprego de Sanxenxo non estea activa nestas datas nas que existe unha maior demanda, tanto pola parte das empresas como pola da xente que busca emprego, algo que denota unha grave deficiencia de planificación no Goberno local", sinalou o voceiro do BNG. 

Así, o BNG recordou que no Pleno Ordinario celebrado a finais de xullo presentou unha moción para solicitar o protocolo e o Partido Popular votou en contra da súa urxencia, polo que non chegou nin a ser debatida. "Parécenos sorprendete a forma de proceder do señor Telmo Martín. Coa relevancia turística que ten Sanxenxo entendemos que este protocolo é unha necesidade para garantir o bo funcionamento da páxina así como unha boa planificación para evitar que se peche durante o verán", recalcou Leiro, que rematou dicindo que "unha vez máis Telmo Martín demosta que o único que pode achegar no noso municipio é cemento. Fóra diso, a súa xestión dos servizos é totalmente desficitaria".