Soalleira toca a cima: cinco premios entre nais e fillas

▶ A asociación sanxenxina acadou os recoñecementos máis altos pola súa técnica musical e vestiario nun singular e emotivo acto en Ames
Eva e Clara, nai e filla, compartiron recollida de premios xunto a Mari e Lucía. DS
photo_camera Eva e Clara, nai e filla, compartiron recollida de premios xunto a Mari e Lucía. DS

Acadar varios primeiros premios nun concurso de agrupacións tradicionais cunha competencia esixente, xa supón toda unha superación para unha asociación coma Soalleira. Pero que sexan nais e fillas as que os recollen para cada unha das súas categorías, abrazadas sobre o escenario, é simplemente "un soño". Así o describiu a presidenta da asociación Soalleira de Dorrón (Sanxenxo), Mari Agís, quen deu conta dun dos meirandes fito colleitado pola agrupación nos últimos tempos, como foi "traer para Dorrón cinco galardóns que nos impulsan a nós e aos nosos pequenos a seguir espallando a nosa cultura por onde vaiamos".

Xeracións de integrantes dos catro grupos da asociación que participaron no concurso. DS
Xeracións de integrantes dos catro grupos da asociación que participaron no concurso. DS

A oportunidade de compartir logros entre nais e fillas veu da man do I Concurso de Música Tradicional Retranqueiros, celebrado en Ames a pasada fin de semana, e que ofreceu a singular conxuntura de abrir a participación a grupos senior, como é o caso de Arghadelos, creado por Soalleira para integrar na agrupación xente que aprendeu a tocar a pandeireta xa en idade adulta, da man da mestra María Vidal, e do que forman parte moitas das nais dos nenos e nenas dos grupos de menor idade. A sorpresa chegou cando Arghadelos e Soalleira, o grupo que participou na categoría C (17 anos en diante), gañaron respectivamente os primeiros premios do concurso e o premio ao mellor vestiario. A esta lista de galardóns sumaríase tamén Xabreiro (categoría B, de 12 a 16 anos), que colleitaría un terceiro premio. Este acontecemento, de grande importancia para a asociación, ao igual que a estrea en concurso de Areíñas (6 a 11 anos), polo "traballo duro que hai detrás", desembocaría na singular estampa, cargada de agarimo e felicidade, que deixaron as nais e fillas da asociación recollendo xuntas os seus galardóns tanto enriba, coma debaixo do escenario. Foi o caso de Eva e a súa filla Clara, que recolleron xuntas os premios para os seus respectivos grupos, e de Mari e os seus fillos Óscar e Lidia, que compartiron certame, premios e celebración.

"Foi un momento único. Para o grupo Soalleira foi un premio moi importante porque alí compites con grupos moi profesionais, e un primeiro premio é moi difícil. Significa manterse líderes, e faise con moito esforzo, con alumnado que vén a Dorrón dende a universidade, en Santiago, Ferrol e A Coruña, só para ensaiar, e un investimento importante en vestiario", asegura Agís.