A sede da UDIAF en Vilalonga atendeu desde a súa apertura a 110 nenos do Salnés

O 36% das familias que recibiron atención durante o primeiro ano de funcionamento do servizo eran do Concello de Sanxenxo 
Telmo Martín e Paz Lago visitaron este martes a sede da UDIAF en Vilalonga. DS
photo_camera Telmo Martín e Paz Lago visitaron este martes a sede da UDIAF en Vilalonga. DS

O alcalde, Telmo Martín, acompañado da concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, visitaron este martes xunto a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, a Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar do Salnés Sur (UDIAF-Salnés Sur) con motivo do primeiro ano da súa posta en marcha en Vilalonga.

O presidente da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), Jaime Ponte, fixo balance da actividade do centro que atendeu desde o inicio, en abril de 2023 ata o 31 de marzo de 2024, a 110 familias na súa sede en Vilalonga, o que representa un 5% da poboación de 0 a 6 anos da súa zona de cobertura.

A Udiaf Salnés Sur forma parte, xunto coas Udiaf do Deza, Bergantiños e Salnés Norte, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado íntegramente pola Consellería de Política Social e Xuventude. Forma parte da Rede Galega de Atención Temperá. A maior parte das familias atendidas no último ano (36%) eran de Sanxenxo, un 15% en Cambados, un 15% do Grove, o 12% de Meis e o 11% de Meaño e Ribadumia.

A unidade está conformada por un equipo interdisciplinario con participación de 2 psicomotricistas, 1 psicóloga, 1 logopeda e 1 auxiliar administrativo.  Trátase dun servizo público e totalmente gratuíto.

A creación tivo lugar en 2023 para dar unha mellor resposta as necesidades asistenciais da zona. O mobiliario e acondicionamento foi posible grazas a un convenio asinado pola AGAT co Concello de Sanxenxo.