A senda que conectará as marxes da autovía poderá transitarse a finais de ano

▶ A Consellería de Infraestruturas licitou este martes o proxecto, que responde a unha demanda histórica de Sanxenxo para resolver o problema de seguridade viaria 

▶ Consta de dous treitos que unen o itinerario de Vinquiño ata Contumil con 380 metros dende a rotonda da vía rápida

Para o alcalde, a construción da senda significa dar o paso definitivo en materia de seguridade peonil nunha zona moi concorrida. DAVID FREIRE
photo_camera Para o alcalde, a construción da senda significa dar o paso definitivo en materia de seguridade peonil nunha zona moi concorrida. DAVID FREIRE

Entre outubro e decembro. É o periodo no que a Consellería de Infraestruturas calcula que a veciñanza de Vinquiño e Contumil poderá comezar a transitar a zona que separa ambos lugares andando ou "en bicicletas non profesionais", tal e como explicou a conselleira, Ethel Vázquez, quen, en calquera caso, asegura que a demanda histórica por parte do Concello de conectar ambas marxes da Autovía do Salnés de xeito seguro para os peóns, quedará resolta "dentro deste mesmo ano".

A obra, aprobada definitivamente o pasado mes de febreiro, licitouse este mesmo martes, exactamente tres meses despois, coa súa publicación na plataforma de contratos da Xunta, e abre, polo tanto, un prazo de presentación de solicitudes por parte das empresas interesadas en executar a obra, que finaliza o vindeiro día 5 de xuño. Neste sentido, as previsións do ente autonómico pasan por adxudicar a obra a finais do verán e iniciala en outono, xa fóra da tempada alta no municipio, cun prazo de execución de dous meses.

O itinerario peonil, con forma de L, decorrerá entre a rotonda de entrada a Sanxenxo pola vía rápida, que recentemente tamén foi obxecto dunha remodelación por parte da Xunta, co obxectivo de acondicionar esa entrada ao municipio, e estenderase ata a entrada a Contumil, xusto no punto no que se ubica a actual gasolineira, pasando por debaixo da ponte da vía rápida en dirección Vilalonga. Así, con 382 metros de itinerario e unha media de 2,5 metros de ancho de beirarrúa, salvo nalgunhas poucas zonas nas que se tivo que reducir a 2 metros debido aos peches existentes, contará fundamentalmente con dous treitos que conectarán Vinquiño e contumil. Segundo explicou a conselleira, "O primeiro treito conecta as beirarrúas existentes en Vinquiño, ata o paso inferior", punto no que se desdobra en forma de L, en paralelo á autovía.

Plano de planta da actuación. DS
Plano de planta da actuación. DS

O investimento para executar os traballos de construción ascende a 170.000 euros, con 8.000 euros a maiores no orzamento pola execución de expropiacións en tramos de escasos metros cadrados dun total de 16 fincas. "É un investimento pequeno, pero que soluciona un gran problema de seguridade viaria e unha gran demanda como era eliminar a barreira entre ambas marxes da autovía", lembrou Vázquez, tras unha xuntanza de traballo celebrada durante a mañá deste martes co alcalde, Telmo Martín

Para o alcalde, a construción da senda significa dar o paso definitivo en materia de seguridade peonil nunha zona moi concorrida, que xa foi obxecto de diferentes melloras nos últimos tempos, a maiores da reforma da rotonda de acceso e saída do municipio pola vía rápida. "A saída de Sanxenxo era un pouco complicada, foise facendo primeiro a marxe dereita da estrada, e a saída de O Grove a Sanxenxo, que quedou moi ben e era un tema de seguridade viaria. Agora faltábanos un tema importante, que era conectar toda esa zona, cun lugar que está gañando cada vez máis peso, como é Contumil. Nós fixemos algunha actuación importante, pero o acceso peonil aí, ata o momento é moi difícil", explicou Martín.

A actuación completarase con iluminación, canalizacións e vexetación, ademais de bordes para separar a estrada da senda, garantindo así a seguridade peonil nun trazado sobre o que se estima que "será moi concorrido, xa que hai moitas persoas que cruzan constantemente", salientou o alcalde.

UN PROXECTO COMPLEXO. A pesar de non tratarse dun proxecto económicamente custoso, a conexión das marxes da Autovía do Salnés dilatouse no tempo ao ser técnicamente complexa. "Hai que cruzar a autovía, ten a saída e a entrada, é moi perigoso e buscouse unha solución boa para conectar esa zona, que quedaba separada, coa entrada a Sanxenxo. Vai facilitar moito que as persoas que utilizan ese espacio para ir ao Círculo Cultural Deportivo, que cada vez ten máis aficionados, poidan ir por aí camiñando", explicou o alcalde. Neste sentido, ademais de conseguir resolver esta cuestión, a actuación inclúe tamén a dificultade engadida de contar con varias expropiacións. Por este motivo, engadiu Martín, as diferentes actuacións na zona acometéronse por separado, como foi o caso da renovación da rotonda. Para a conselleira, trátase dunha "solución viable, que resolve un problema de seguridade viaria que vén dende hai moito tempo".

Agárdase que a futura execución das obras afecte mínimamente á circulación, polo que se manterá o tráfico na zona cunha serie de medidas que contemplan sinalizacións e obstáculos na calzada para indicar o corte dalgúns dos carrís. Segundo o proxecto de obra, ordenarase a circulación en sentido único alternativo chegando a ocasionar algunha demora, sinalando as prohibicións de adiantamento, avisos e limitacións da velocidade.

Ademais, a contorna de protección do Vinquiño atópase reflexada no Plan Xeral de Ordenación Municipal e no Plan Básico Autonómico, polo que se garante que non sufrirá incidencias, a maiores dalgunha ocupación temporal de espazos, que se levarán a cabo fóra do ámbito de protección.