Entrevista a Roberto Carlos Agís Balboa, autor de 'Desde Sanxenxo’

Roberto Agís: "Houbo problemas, pero non me arrepinto desa parte política"

▶ O primeiro libro do que fora concelleiro en Sanxenxo dende o ano 2015 cociñouse a lume maino. A idea, que xurdiu hai tres anos, a partir de artigos previos escritos polo autor, tivo un parón a causa dun accidente e agora ve a luz de xeito autoeditado
 
Roberto Agís (segundo dende a esquerda), durante a presentación do seu libro en Sanxenxo. DS
photo_camera Roberto Agís (segundo dende a esquerda), durante a presentación do seu libro en Sanxenxo. DS

Non abondan as horas dunha mañá para chegar a coñecer todas as inquedanzas que Roberto Carlos Agís (Dorrón, 1975) garda dentro da súa cabeza. Animado conversador, é quen de entrelazar as máis diversas temáticas que van dende o seu doutoramento en Neurociencia en Chicago, ás súas anécdotas co rei emérito en Sanxenxo, pasando polos seus anos na política municipal coa «famosa política do cambio» entre 2015 e 2019, chegando a converterse en edil de Cultura por Sanxenxo Pode no Goberno local. O seu desencanto político, que arrastra a pesar de deixar a porta aberta a un hipotético regreso cun «nunca digas desta auga non beberei», fixo que adicara os últimos anos á súa faceta científica e investigadora. Agora, Agís suma un tema máis de conversa á súa longa lista de intereses, como é a publicación do seu primeiro libro: Desde Sanxenxo, que acaba de ver a luz tras a súa presentación no municipio. Recoñece que lle segue a facer graza que lle chamen escritor e confesa que a ilusión que sente cada vez que adica un exemplar é moi grande.

Como foi o proceso de para que ‘Desde Sanxenxo’ vira a luz?
Tiña moitos artigos que comecei a escribir no ano 2014 e quería ordenalos. Comecei a facelo, pero tiven que parar durante tres anos a causa dun accidente de bicicleta e quedou en ‘stand by’. Pero tiña ganas de escribir un libro e este verán propúxenme rematalo. No seu día fun concelleiro de Sanxenxo, despois estiven un ano na oposición, estiven no estranxeiro moitos anos, logo na tuna, viaxei moito, traballei de camareiro, de porteiro e escribín moito e, sobre todo, moita cousas sobre Sanxenxo. Comecei a xuntar e tiña case 100 artigos de historia, de patrimonio, de cultura e sociedade, turismo, festas e tradicións, nostalxias, urbanismo, política... E así o fixen. Falei con Victoriano Otero, que é Premio Sanxenxo na Historia, e con Rafael Fontoira Surís, que foron os que me asesoraron, e tamén con Tino Viéitez, co Concello e con Turismo de Sanxenxo, que adquirion uns cantos libros, e funme metendo no mundo. Tamén puiden contar con Daniel Pérez, que é o meu estudante de doutoramento, e que fixo todas as ilustracións. Eu non pensei en facer un libro, só escribín artigos que xuntos teñen sentido.

Estiven no estranxeiro moitos anos, logo na tuna, viaxei moito, traballei de camareiro, de porteiro e escribín moito"

E tamén ten certa parte persoal...
Hai unhas 30 páxinas nas que falo da miña parte aventureira, de cando emigrei, e tamén da covid. Son unha persoa moi curiosa e gústame viaxar, e calquera cousa me chama a atención. Ás veces ía no coche e escoitaba unha noticia e xa me daba para escribir, como cando saíra o do mellor banco do mundo, que me lembrou ao que hai en Noalla, ou a Casa-Coto de Dorrón, sobre a que non había nada escrito. Un día fun comer un cocido coa promoción dos quintos de Figueirido, rin moito e contamos moitas anécdotas. A ese artigo chameille Curiosidades dun cocido inesperado.


A súa faceta política tamén é innegable. Que lembra daquilo e do que pasou con Sanxenxo Pode?
Entrei no ano 2015, nunca estivera en política, e xa veu o de entrar no Goberno local. Houbo falta de experiencia miña, e tamén o típico, problemas internos no partido, no Goberno... Os culpables seguro que fomos todos. O que está pasando hoxe na política nacional é un calco do que pasaba nas municipais no ano 15 e 16. Había moitos partidos gobernando, partidos novos, e xente que estaba chegando á política. Sete anos despois, parece mentira, pero vexo o Parlamento e honestamente dame vergoña. Insultan, cambian as leis e non falan. Isto dexenerou moito. Eu non me arrepinto desa parte política, aprendín, non sei o que pode pasar no futuro pero si que me gustaba. Nun Concello, a xente que te pode afundir ou poñerte nun pedestal son persoas que coñeces. Hai trifulcas, amigos, familia, veciños e moitas historias.

A que se adicará no sucesivo?
Agora, en Santiago, no Instituto de Investigación Sanitaria quero abrir liñas de investigación de alzheimer, esclerosis ou Intelixencia Artificial. Pero tamén me gustaría unha segunda parte do libro ou escribir unha novela.