Portos ve viable ceder dous amarres ás embarcacións tradicionais de Portonovo

▶ A presidenta do ente autonómico, Susana Lenguas, vén de manter unha reunión coa Asociación Amigos da Dorna, na que se valorou dar cumprimento á demanda antes do verán
▶ Estúdanse máis alternativas para chegar aos cinco amarres, tal e como solicita o colectivo
Vista aos pantaláns do porto de portonovo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Vista aos pantaláns do porto de portonovo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

As dilatadas negociacións entre a Asociación Amigos da Dorna de Portonovo e Portos de Galicia para dotar á entidade de amarres destinados ás embarcacións tradicionais están en vías de resolverse. Tal e como confirmaron dende o ente autonómico a Diario de Pontevedra, Portos ve viable a cesión de dous espazos no extremo do pantalán máis cercano a terra.

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo recentemente unha reunión con membros da asociación cultural na que se valorou a posibilidade de dar cumprimento a esta demanda antes deste verán, se ben antes procederá a comprobar que estes emprazamentos reúnan as condicións técnicas necesarias e que actualmente carezan de dono. Neste sentido, unha vez superada a fase de recurso, todo apunta a que Amigos da Dorna poderá pasar a dispoñer dos amarres.

Dende Portos confirmaron tamén que, duante a reunión, abríronse máis posibilidades para que a asociación poida dispoñer ata dun total de cinco amarres para dar cabida a todas as embarcacións tradicionais coas que conta nestes momentos, se ben inicialmente tan só estes dous primeiros amarres están en vías de poder poñerse a disposición.

Pola súa parte, dende Amigos da Dorna quixeron destacar a "vontade de Portos de atopar unha solución" e quedan pendentes do visto bo da confraría de pescadores de Portonovo, se ben "as conversas están abertas e o feedback foi bo", sinalou o vicepresidente, Alejandro Piñeiro. Neste sentido, a asociación estima que, "se todo vai ben, poderiamos ter os amarres de cara aos meses de abril e maio", se ben xulga importante poder conseguir as prazas necesarias para a totalidade de embarcacións, que actualmente manteñen gardadas en seco ou ancoradas a uns metros da costa nas tempadas nas que saen a navegar. "Ter por fin un lugar de amarre en condicións e definitivo é moi importante para nós, supón un gran paso e entra dentro dos obxectivos para este ano", asegurou o vicepresidente.

Patrimonio local
Un paso máis cara o museo flotante
Dende hai arredor dunha década a Asociación Amigos da Dorna de Portonovo demanda apoio institucional para a creación dun museo flotante, inicialmente concebido no Peirao do Chasco, que permitiría manter a toda a frota tradicional no mar, ao alcance de veciños, veciñas e visitantes do municipio, co obxectivo de facer accesible este patrimonio da vila mariñeira. A idea, precisamente, pasa por adecuar o pantalán para facelo visitable e incluso crear un calendario de actividades en torno a este atractivo.
As dornas, que contan co recoñecemento de bens patrimoniais, constituirían, en conxunto, un atractivo turístico máis para a vila, sobre o que o Concello de Sanxenxo xa mostrou o seu beneplácito en numerosas ocasións.

Se ben a posibilidade de levar a cabo este proxecto aínda está no aire, a reapertura do diálogo con Portos significa tamén un novo avance para esta cuestión.