Portonovo inmortaliza para o turismo as súas artes de pesca

▶ A Confraría rematará en novembro a rodaxe de varios vídeos que se amosarán durante as visitas á lonxa dun xeito ameno e didáctico
O equipo técnico durante a filmación no porto. DP
photo_camera O equipo técnico durante a filmación no porto. DP

As artes de pesca que se practican no seo da Confraría de Pescadores San Roque de Portonovo quedarán inmortalizadas para a posteridade nun compendio de vídeos que se exhibirán na lonxa, e nos que se mostrarán con todo luxo de detalles técnicas de captura coma a do polbo, a do ourizo ou a da centola, así como a tradición redeira e todo o que arrodea aos procesos de pesca e captura, así como á actividade dos mariñeiros da zona de principio a final.

O obxectivo, tal e como explica o patrón maior da Confraría, Juan José Besada, é "facilitar a comprensión do que facemos aquí a aquelas persoas que nos visitan" durante as visitas guiadas que se realizan na lonxa. "Era necesario documentar todo en vídeos e fotos, porque non é o mesmo explicar de palabra que ver cos teus propios ollos como son os métodos de captura, e iso axudará ao turismo e aos escolares que tamén veñen á lonxa a comprender o noso mundo. Tanto aos cativos como á xente máis maior, axudaralles moito poder velo xa que, deste xeito, non só poderemos ensinarlles como se fai unha subasta, que é unha das actividades á que adoitan asistir, senón que tamén poderán coñecer como se consegue o xénero", explica Besada.

Neste sentido, os equipos técnicos remataron recentemente a filmación da captura do ourizo, durante a apertura da campaña, e o vindeiro mes de novembro gravarase a da centola. "É un proceso lento porque as gravacións estanse facendo acorde cos tempos de cada arte de pesca, rexistrando cada campaña no seu momento", conta o patrón maior.

Unha vez completadas todas as gravacións, o material engadirase ás explicacións que realizan os guías durante os tours pola lonxa, proxectándoas nas dúas pantallas de vídeo coas que contan as instalacións.