Música, deporte e humor para conmemorar o Día do Autismo con Neen@s

A asociación desenvolverá dúas xornadas de actividades esta fin de semana, entre as que se atopa unha gala que terá lugar o domingo no Auditorio Emilia Pardo Bazán
A presidenta do colectivo, Montse Fernández, no local da asociación. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A presidenta do colectivo, Montse Fernández, no local da asociación. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Asociación Neen@s, en apoio ás familias con necesidades específicas, conmemorará esta fin de semana o Día do Autismo en dúas xornadas nas que non faltará a música, o deporte, a maxia ou o humor.

Así, a primeira xornada, que se desenvolverá o sábado 1 de abril, comezará no Bar A Lonxa de Portonovo ás 19.00 horas con humor narrado a cargo do monologuista Dani Blanco. Ás 20.00 horas será a quenda de Juan Pablo Charlo, que interpretará cancións pop e rock dos anos 80 e convidará ao público a cantar. A xornada rematará a partir das 23.59 horas co Conxuro polo autismo a cargo da Bruxa Xesta, que repartirá queimada entre os asistentes.

O domingo, 2 de abril, a conmemoración trasladarase ao novo campo de San Pedro en Vilalonga, onde ás 10.45 horas se lanzarán globos azuis e despregarase unha pancarta, para a partir das 11.00 horas asistir ao partido de fútbol do Interrías Feminino. Pola tarde, a xornada retomarase no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo, cunha Gala polo autismo con maxia para toda a familia a partir das 18.00 horas a cargo do Mago Paco e música solidaria en directo. Ás 19.15 horas actuará Chus Piñeiro e ás 20.15 horas, +Q Cantigas.

As actividades, apoiadas pola Deputación, o Concello, e o comercio local, incluirán sorteos e diferentes sorpresas ao longo de toda a fin de semana.