Un modelo piloto ‘efectivo-afectivo’ que conecta avós e netos a través da saúde

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés presentou o proxecto 'Man a Man' ao alumnado do IES de Vilalonga, co obxectivo de facer partícipe á xuventude do día a día e das necesidades dos seus maiores
A presentación tivo lugar este venres no IES de Vilalonga. DAVID FREIRE
photo_camera A presentación tivo lugar este venres no IES de Vilalonga. DAVID FREIRE

O IES de Vilalonga, en Sanxenxo, foi onte o esceario da presentación dun innovador programa piloto posto en marcha pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que propón unha iniciativa interxeracional para vencellar aos nenos e adolescentes cos seus avós e avoas a través da saúde.

Man a man, que así se chama a iniciativa, é un modelo efectivo-afectivo no que os netos e netas son promotores de acceso na xestión farmacoterapéutica e de saúde, a través do que estes participarán e mediarán en citas médicas, recollida de medicación ou planificación das pastillas, interactuando así cos maiores e pasando con eles tempo de calidade.

O programa, que foi presentado ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato de Vilalonga, conta coa colaboración da Consellería de Educación e do Concello de Sanxenxo. Neste sentido, os 270 alumnos e alumnas asistentes participaron nunha sesión informativa. "Este proxecto xurdiu do reto de achegar aos xóvenes e os seus coñecementos informáticos ás persoas maiores con enfermidades crónicas, onde o uso eficaz e seguro da súa medicación, xunto con outras ferramentas de xestión da súa saúde, son a clave para acadar unha vellez independente e cunha axeitada calidade de vida", explicou a promotora e deseñadora desta iniciativa e subdirectora de Prestación Farmacéutica da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Nuria Iglesias Álvarez.

Entre os beneficios do programa cabe destacar a diminución dos incidentes relacionados coa seguridade clínica, e tamén terá un eco nas redes sociais, onde se alentará aos xóvenes a coidar aos seus maiores e a coñecer, entre outras cuestións, en que consiste a súa medicación. Pola súa banda, a Área Sanitaria pretende así aumentar a adherencia aos tratamentos e evitar atrancos relacionados coa farmacoterapia.

O proxecto desenvolverase en varias etapas en Sanxenxo, se ben a primeira delas será en coordinación coa Consellería, a Concellería de Servizos Sociais e Maiores e os profesionais de Farmacia de Atención Primaria do centro de saúde Baltar, nunha actividade comunitaria destinada á promoción e protección da saúde, a través de material audiovisual que formará aos xóvenes a través de Instagram.

Na presentación desta iniciativa estiveron, entre outros responsables e colaboradores, o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, o xefe territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura, Educación FP e Universidades, César Perez Ares e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín González.