O BNG de Sanxenxo insta á reparación da antiga cheminea da Telleira

Os nacionalistas lembraron que o interior das instalacións permanecen sen ningún tipo de uso desde que o Banco de Alimentos se trasladou a outro emprazamento
Fendas na estrutura da cheminea. DS
photo_camera Fendas na estrutura da cheminea. DS

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo faise eco da preocupación de numerosos veciños e veciñas da parroquia de Vilalonga, debido ao deterioro que presenta na actualidade o Centro de Interpretación da Telleira. Segundo valoraron, este mal estado da infraestrutura pódese percibir especialmente na parte superior da antiga cheminea das instalacións, que no seu día albergaron unha fábrica de cerámica. Tal e como alerta o voceiro do Bloque, Fran Leiro, "as fendas son perfectamente visibles no extremo da cheminea".

Por este motivo, os nacionalistas entenden que, "máis alá de proxectos faraónicos aos que o señor Telmo Martín está moi afeito, o Centro de Interpretación require duns coidados e traballos de mantemento mínimos. Ademais, o interior das instalacións permanecen sen ningún tipo de uso desde que o Banco de Alimentos se trasladou a outro emprazamento", asegurou Leiro, lembrando que a adquisición da infraestrutura en 2004 acadou o millón de euros.