A Deputación inxecta máis de 100.000 euros para a reforma do campo de Noalla

▶ Con esta achega, o Concello de Sanxenxo remodelará a zona de gradas e as luminarias
A Xunta de Goberno da Deputación. DS
photo_camera A Xunta de Goberno da Deputación. DS

A reforma do campo de fútbol de Noalla recibirá unha achega por parte da Deputación de Pontevedra que ascende a un total de 108.000 euros, que permitirá impulsar o proxecto a nivel económico, mediante o financiamento das actuacións proxectadas polo Concello de Sanxenxo no marco do seu plan de mellora das infraestruturas deportivas.

Así o comunicou o presidente do ente provincial, Luis López, tras a aprobación da medida este martes en Xunta de Goberno, no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Segundo explicou López, o Concello acometerá dúas actuacións principais na reforma do campo de fútbol, como serán a "ampliación e remodelación da cuberta da zona das gradas para protexelas, aínda máis se cabe, das choivas", así como a "substitución das luminarias LED, que van mellorar a súa eficacia e eficiencia enerxética", informou López.

Coa suma destes recursos, Luis López sinalou que "xa temos distribuído preto de 2,7 millóns de euros dos catro dos que está dotado o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, un plan que está a transformar, como nunca antes se fixera, as instalacións deportivas da nosa provincia", asegurou.

En Sanxenxo, a reforma do campo de fútbol de Dorrón e do pavillón de Vilalonga concentraron nos últimos tempos os esforzos municipais por modernizar as súas infraestruturas deportivas, nun impulso que tamén serviu para reinaugurar o Pavillón Municipal de Baltar o pasado mes de outubro, tras un investimento de máis dun millón de euros, grazas aos que actualmente cumpre os estándares de calidade para acoller citas de alto nivel.