As gardiás do noso tempo

Galegas nos oficios ▶ A portonovesa Andrea Area vén de "romper" coas últimas creacións da súa traxectoria para homenaxear, ‘carboncillo’ en man, a 12 mulleres actuais e "moi reais" que representan os oficios tradicionais galegos protagonizando a súa colección de almanaques
Andrea Area, no seu estudo da rúa Fonte de Ons (Noalla), arrodeada da súa nova colección propia de almanaques. GONZALO GARCÍA
photo_camera Andrea Area, no seu estudo da rúa Fonte de Ons (Noalla), arrodeada da súa nova colección propia de almanaques. GONZALO GARCÍA

Cando algunhas das mulleres descolgaron o teléfono para escoitar a proposta que a creadora portonovesa Andrea Area tiña que facerlles, preguntaron canto había que pagar. Elas, acostumadas a ser invisibles na maior parte dos casos, ao traballo duro, e a facerse a si mesmas, non pensaban que a súa historia podería ter pegada, nin moito menos recibir unha homenaxe, en forma de retrato, para a posteridade. A labrega María José Tallón (Silleda), a zoqueira Elena Ferro (Merza), a costureira Montse (Santiago), a ceramista Laura (Marín), a peixeira Piliña (Portonovo), a colareira Isaura (O Grove), a redeira xubilada Manolita (Portonovo), a polbeira Aurora (orixinaria de O Carballiño e cun negocio en Lugo), a palilleira Lucía (Muxía), a ouriveira Susi Gesto (Santiago), a mariscadora María Fontán (Castrelo) e a única torneira que queda en Galicia, Isabel Neira (A Estrada), son as 12 protagonistas do proxecto co que Area quixo, nesta ocasión, "romper co que viña facendo".

Trátase dunha colección de almanaques que representa a esta sorte de gardiás do tempo, aquelas que manteñen aínda vivos os máis diversos oficios tradicionais galegos a mans de mulleres e, aínda que a creadora portonovesa aborda o froito de tanto traballo e investigación, deseño e encadernación totalmente artesanal cunha humildade infinita, o certo é que o resultado é a perfecta homenaxe en vida para as representantes dunha historia que tamén é a de todas as galegas traballadoras. Elas nos oficios, que así se chama a colección, está composta por almanaques de parede, de sobremesa e polas láminas individuais de cada un dos 12 retratos cuxa elaboración foi, para a propia creadora, toda unha viaxe pola memoria dos oficios galegos abandeirados por mulleres. "Todo xorde a mediados de xullo. Quería mudar o tema da paisaxe das coleccións que editei nos últimos anos. O primeiro foi Sanxenxo Ilustrado, logo O Salnés Ilustrado, e por último, Illas Galegas Ilustradas", conta. E, de tanto mudar, mudou ata a técnica, pasando da acuarela ao carboncillo. "Tamén quería que a xente non o esperara. Esta colección podería ser unha das últimas porque cada vez é máis difícil sacala adiante por todo o que implica", conta. Precisamente, por iso, debía ser máis especial, se cabe.

Detalle dalgunhas das láminas que compoñen o almanaque. GONZALO GARCÍA
Detalle dalgunhas das láminas que compoñen o almanaque. GONZALO GARCÍA

"A idea vén dun traballo de mulleres pioneiras que fixen para unha voda en 2022. Foi un pedido en exclusiva e iso queda aí só para ese momento, xa que eu non traballo coleccións pechadas nin plantillas editables. Tivo moito éxito nas redes, e como o teño pendurado no estudo, a xente preguntaba seguido se vendía esas láminas. Tiña moitas ganas de facer algo con temática feminista, máis alá das figuras de Rosalía ou Maruja Mallo, que son máis coñecidas dentro da cultura galega. Pensei neses oficios tradicionais que se están perdendo, que continúan gracias a moi poucas mulleres, como por exemplo Isabel Neira. Non queda ningunha torneira en Galicia máis ca ela", asegura a artífice do proxecto.

Por iso, Elas nos oficios retrata mulleres que son "moi reais, están moi vivas, e que acolleron o proxecto dun xeito incrible. Son persoas cunha enorme calidade humana e moi profesionais", asegura Area, quen destaca que todas elas, algunhas máis coñecidas e outras completamente anónimas, viven dos seus oficios, e das que tan só Manolita, a redeira, está xubilada, aínda que, avanza, "para a colareira do Grove seguramente sexa o último ano. É unha pasada, porque ten 80 anos e, para ir visitala e facerlle as fotos ao seu posto, díxome que podía ser de nove da mañá a nove da noite. A muller estaba comendo alí, traballando 12 horas con 80 anos, mallándolle o sol. Pensei: Menuda mulleraza! Que axilidade!", lembra. Delas, a máis nova é María Fontán, coñecida por divulgar contidos sobre o seu oficio no seu perfil ‘Mariscadora 2.0’, aos seus 28 anos. "Quixen mesturar mulleres de diferentes idades e de dustintos puntos de Galicia. Ao final tiro moito polos lugares da costa, que é de onde son eu, e teño dúas mulleres de Portonovo, porque o certo é que a terra tira", admite.

A colección, que acaba de poñerse á venda online e de xeito físico no estudo (Fonte de Ons, 2), xa bateu o récord de reservas nas primeiras horas, polo que, agora, a creadora prantéxase incluso sacar adiante unha segunda tirada.

Así se fixo: Investigación, traballo e algunha que outra bágoa
Para acadar o resultado final, Andrea Area tentou recopilar representantes de todos os puntos da xeografía galega. Investigou, pediu contactos, fixo cribado, visitou ás protagonistas en persoa, e con algunhas entablou amizade por teléfono, fixo fotografías, e púxose a deseñar. 

Pero, ademais da técnica, o proceso tamén foi, para ela, algo moi emotivo. "Coñecelas foi algo impresionante. Precisamente, con Isaura a colareira, que non a coñecía de nada, estiven no peirao falando dúas horas, e descubrimos que coñecía á miña nai, que fora peixeira, e á que eu perdín con oito anos. Botámonos  a chorar e eu non o podía crer. Tiña que estar escrito", lembra, gardando todo o vivido no máis fondo do corazón.