Francisco Leiro: dende Nova York a Sanxenxo co ‘Atlante’

O escultor, artífice da figura de 20 toneladas de bronce do paseo de Silgar, traballa na galería Marlborough e está en coleccións mundiais
(_LO_4826.JPG)  Salnes Sanxenxo Escultura Atlante Obra Plaza dos Barcos Nauta Puerto Deportivo Real Club Nautico16942
photo_camera Unha imaxe do Atlante na Praza do Mar de Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A calidade das praias, a gastronomía ou a oferta de ocio para os mozos e as mozas son as principais cuestións que chaman ao gran número de persoas que, cada verán, deciden pasar as súas vacacións no municipio de Sanxenxo. Non obstante, nunha das puntas do paseo de Silgar, concretamente na entrada do Real Club Náutico de Sanxenxo, un motivo de moito peso e interese está situado dende o pasado mes de maio. Concretamente pesa 20 toneladas e mide 14 metros de longo. Recibe o nome de Atlante e é a escultura realizada en bronce por Francisco Leiro.

Neto de ebanista e criado nun ambiente artístico, Francisco Leiro é o artífice da escultura Atlante que, segundo a mitoloxía grega, representa a un Deus que vive nas profundidades do Océano Atlántico. Estableceuse en Nova York, onde traballa coa galería Marlborough. As súas obras perseguen, na meirande parte, o carácter lúdico pero, ao mesmo tempo, na súa produción reside unha importante dimensión de reivindicación da súa terra e das circunstancias do seu tempo.

A súa obra e produción é valorada amplamente. Deste xeito, conta con diversos galardóns, entre os que se atopan o Premio Penagos da Fundación MAPFRE, a Medalla ás Belas Artes da CEOE e a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. Moitas das súas pezas atópanse en importantes coleccións de todo o mundo. Porén, as súas obras máis salientables enmárcanse no ámbito da escultura pública: o Sireno (Vigo), Palabra (aeroporto de Alvedro, Culleredo) ou o Atlante (Sanxenxo). No pasado ano 2020, inaugurou en Marlborough Madrid unha mostra dentro da liña da escultura da figura humana.