Francia e Italia, principais destinos do ourizo de Portonovo, que chega ata Xapón

▶ Representa gran parte do beneficio da lonxa, que conta con catro barcos ▶ A porcentaxe que queda no mercado nacional é anecdótica
Proceso de carga dunha partida de ourizo na lonxa de Portonovo. A.M.U.
photo_camera Proceso de carga dunha partida de ourizo na lonxa de Portonovo. A.M.U.

O ourizo que chega cada día de captura á lonxa de Portonovo, que conta con catro barcos e unha cota de 320 quilos en total, non queda no mercado nacional. A excepción dunha cantidade anecdótica, a inmensa maioría do produto parte rápidamente cara Europa, onde ten os seus principais mercados en Francia e Italia, que demandan grandes cantidades dun xénero que está tan ben considerado "coma o caviar", tal e como explica dende a confraría de pescadores San Roque de Portonovo María Soto. Pero isto non é todo, o produto capturado polas embarcacións da vila mariñeira vén de expandir as súas fronteiras, chegando a Xapón.

"En Xapón comezaron a demandar produtos de aquí, o ourizo é un deles, xunto coa espardeña e a anémona, que alí chaman moito a antención", explica Soto. Neste sentido, este singular destino para o ourizo de Portonovo conta cuns procedementos diferentes aos que se aplican para os principais destinos de Europa, que reciben o ourizo aínda vivo para o consumo, mentres que as cantidades que en menor medida chegan a Xapón fano xa coa gónada embasada, normalmente por vía aérea, ao tratarse dun produto perecedoiro.

A confraría de Portonovo, que polo momento conta con plans de explotación para navalla e ourizo, este último de xeito conxunto coa confraría de Bueu, e que tamén rexistrou interese dalgunhas embarcacións por entrar nun posible plan futuro para a anémona, recolle o xénero nas zonas rochosas da ría de Pontevedra, principalmente en Punta Faxilda e na Illa de Ons, onde se atopa o ourizo de mellor calidade, partindo dos 15 metros de profundidade.

No que respecta ao prezo, a confraría, que ten os seus compradores locais en Vigo, Cangas, Marín e en depuradoras do Grove ou Cambados, depende "ademais dos festivos de aquí, tamén dos de Francia e Italia, que son os mercados que máis tiran do prezo. Un italiano pode pagar aquí en lonxa 18 ou 20 euros o quilo de ourizo, e no mercado nacional non chegan ao mellor a 15 euros nunha época de bonanza de prezo coma o Nadal, na que aquí chegou a acadar os 24 euros o quilo", explica Soto.

UN PROCESO ARTESANAL. O ourizo conta con seis meses de veda e tres ou catro días á semana de faena, con cotas que poden oscilar entre os 100 e os 320 quilos (cota completa) ao día, dependendo do prezo e do tempo. Unha vez que os buzos os despegan das rochas de xeito artesanal, con guantes e ganchos, súbenos ao barco para a súa selección, e pasan a recipientes con furos para que vaian perdendo a auga de camiño á lonxa. Alí pésase e clasifícase, e rápidamente parte para coller o transporte en Vigo e saír en barco.

Nos centros de expedicións ou depuradoras tan só se empaqueta, de xeito que os que van cara Francia e Italia chegan totalmente enteiros. Alí véndese para restaurantes e hostelería e chega ao consumidor final. "Cando chega alí ten que estar vivo, por iso é importante que saia o máis rápido posible en canto vén á lonxa", aseguran dende a confraría.