A Consellería do Mar investiu dous millóns nos portos da provincia en 2022 e avanza melloras en Portonovo

▶ Quintana comprometeu actuacións previas ao proxecto prantexado para a fachada marítima, co obxectivo de potenciar o turismo ▶ A confraría beneficiouse dunha achega para paneis solares e maquinaria
Visita á lonxa de Portonovo este mércores. DAVID FREIRE
photo_camera Visita á lonxa de Portonovo este mércores. DAVID FREIRE

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, deu conta este mércores de máis de 20 iniciativas de mellora nos equipamentos portuarios da provincia, que na convocatoria de 2022 sumaron preto de dous millóns de euros, e entre os que se atopan achegas para a instalación de paneis solares na fábrica de xeo de Portonovo (65.000 euros), cos que se estima que a infraestrutura cubrirá o 50% dos custes enerxéticos, así como a adquisición dun portapalés eléctrico non contaminante para a lonxa (35.600 euros), e unha carretilla elevadora que será adquirida próximamente.

Tal e como lembrou a Conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, ademais de membros da confraría de Portonovo e do Goberno local, estas iniciativas forman parte dos case 50 proxectos deste tipo para os que o Goberno galego destinou máis de 4,3 millóns de euros o pasado ano, cun incremento na convocatoria de 2023 cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que esta semana publicará o Diario Oficial de Galicia (DOG), ata os 4,6 millóns.

Visita á lonxa de Portonovo, este mércores. DAVID FREIRE
Visita á lonxa de Portonovo, este mércores. DAVID FREIRE

Precisamente, o porto de Portonovo, que tamén estará incluido na convocatoria de 2023 cos proxectos que presente a confraría, será, ademais, obxecto de diferentes melloras previas ao plan para remodelar a fachada marítima, cuxos prazos estimados abarcarían nun principio arredor de oito anos, segundo corroborou o alcalde, Telmo Martín. Neste sentido, a conselleira anunciou o seu compromiso de acometer unha pequena actuación a curto prazo co obxectivo de potenciar o turismo na zona, e gañar en visitabilidade nesta infraestrutura portuaria. "Trátase de ir adecentando mentres non se desenvolve o proxecto grande, porque temos que facer visitables os portos. E se queremos da esa imaxe de Galicia como destino turístico importante hai cousas que temos que mellorar", explicou a conselleira, que durante os vindeiros meses continuará visitando as infraestruturas portuarias para coñecer as súas necesidades de cara a este novo ano. "As actuacións pequenas pódense acometer de xeito máis áxil coa partida de Portos e da Consellería do Mar", lembrou.

Con respecto ao proxecto da fachada maritima o alcalde de Sanxenxo explicou que vén de celebrarse unha reunión entre Portos de Galicia e a confraría de Portonovo na que Martín tamén estivo presente. "Trátase de revalorizar o varadoiro e que teña máis protagonismo a confraría. É un proxecto a longo prazo co que este porto ten que converterse nunha fachada marítima, e que será financiado parte con cartos públicos e outra parte con cartos privados a través dunha concesión para explotar o parking público que se está estudando", lembrou Martín, quen reafirmou o obxectivo de "converter outra vez Portonovo nunha vila do tapeo dos produtos do mar que se poden degustar aquí", nunha zona na que proliferan os establecementos adicados a esta oferta gastronómica.

Obxectivos:
Portonovo, en vías de recuperar a pesca do cerco
O patrón maior da confraría de pescadores San Roque de Portonovo, Martín Domínguez, que se incorporou ao cargo a finais do pasado 2022, explicou que o principal obxectivo de cara a esta nova etapa é recuperar a pesca do cerco, que "sempre foi moi importante para o porto de Portonovo. No seu momento non chegamos a acordo e foi unha caída moi importante que tivo este porto. Eu quero retomar esa actividade, pero non é algo que se poida facer en dous días. Principalmente estamos xestionando isto, e continuaremos co enmalle", asegurou.

O patrón maior mostrou a súa satisfación pola axuda institucional recibida ata o momento por parte da Consellería e o Concello de Sanxenxo e enfócase actualmente nos proxectos para a nova orde de axudas.