A Festa da Ostra pecha as portas nunha exitosa edición

Este domingo a carpa encheuse para despedir o evento gastronómico
A Festa da Ostra encheu a carpa na que se celebraba durante a fin de semana. ANXO LORENZO
photo_camera A Festa da Ostra encheu a carpa na que se celebraba durante a fin de semana. ANXO LORENZO

A parroquia de Noalla celebrou esta fin de semana a súa cada vez máis coñecida Festa da Ostra na que se podía degustar este manxar marino e outros moitos pratos máis, xa que tiña unha gran oferta gastrónomica e de bebida a prezos asequibles.

A trinta edición deste evento pechou a súa carpa con un éxito incuestionable, pois foron miles de persoas as que se achegaron a degustar o prato durante os tres días. Este domingo, a explanada que se atopa diante do Campo de Fútbol de Noalla, nas inmediacións da Lanzada, atopábase abarrotada de xente que non quería que as portas da festa pecharan sen eles poder probar as ostras.

Tanto veciños como visitantes do Concello de Sanxenxo encheron este espazo conseguindo consagrar aínda máis a Festa da Ostra que con entusiasmo pecha para continuar o seu triunfo o ano que vén.