A Deputación concederá a Sanxenxo unha prórroga para que conserve a subvención de 500.000 euros da humanización de Portonovo

O deputado de Cooperación, Santos Héctor, recibiu ao alcalde, Telmo Martín, e salientou que a Administración provincial “escoita aos concellos e ponse do seu lado cando hai dificultades" ▶ Esta circunstancia vén derivada da crise de materias e subministros, así como das dificultades pola elevada presencia de turistas na zona durante o verán
O alcalde, Telmo Martín, reuniuse este xoves co deputado de Cooperación, Santos Héctor. DS
photo_camera O alcalde, Telmo Martín, reuniuse este xoves co deputado de Cooperación, Santos Héctor. DS

A Deputación dará luz verde a prorrogar a obra de humanización de Portonovo, despois dunha petición formulada polo Concello de Sanxenxo a causa da ralentización dos traballos debido á crise de materiais e subministros, principalmente. Con esta prórroga, o ente provincial evitará que o Concello perda a subvención de 500.000 euros concedida con cargo ao plan provincial de mellora da seguridade en vías municipais (DepoRemse) para a actuación, valorada en 833.633 euros en total.

O deputado de Cooperación, Santos Héctor, recibiu este xoves ao alcalde, Telmo Martín, quen explicou as circunstancias que impediron rematar a obra no prazo fixado no convenio coa Deputación e solicitou unha prórroga de dous meses, ata finais de outubro. A Administración provincial valorou as extraordinarias circunstancias que arrodean á execución en Sanxenxo, dado que o convenio polo que a Deputación financia o 60% do orzamento asinouse en xaneiro de 2021 e a obra comezou en abril dese ano. O ritmo de execución viuse ralentizado por factores como a folga do transporte, as dificultades derivadas da elevada presencia de turistas na zona durante o verán, os problemas de fabricación dunha lousa especial e, en xeral, pola crise de materiais e subministracións.

Santos Héctor comunicou que a prórroga deberá aprobarse no Pleno provincial, pero adiantou a vontade do Goberno de sacala adiante. “A Deputación”, afirmou, “remarca a súa vontade de lealdade institucional e cooperación con tódolos concellos como unha Administración provincial que non só transfire recursos récord, a que máis de toda España, senón que tamén sabe escoitalos e poñerse do seu lado diante das dificultades” como  as sobrevidas neste caso. “Somos unha Administración municipalista, que aposta por esta provincia como un todo, e demostrámolo sempre, goberne quen goberne”, asegurou.

A obra permitirá a reurbanización completa da contorna do colexio de Portonovo, é dicir, da rúa Areal, a travesía do mesmo nome e a rúa do Espiñeiro, na contorna do Mercado de Abastos, reemprazando as estreitas beirarrúas existentes por amplos espazos peonís, con novo mobiliario urbano e arborado. O tráfico queda resolto cun carril único que, ao redor da praza do Mercado estará pavimentado en lastro. Ademais a explanada do aparcamento quedará integrada esteticamente deixando atrás o asfalto para contar con pavimento de celosía de lousa-xardín. Renóvanse os servizos de abastecemento, saneamento e iluminación, con tecnoloxía led, e telecomunicacións e electricidade.