Peixeira xubilada e Raia de Ouro 2023

Carmen Uhía: "Ía andando a Vilalonga, coa cesta de peixe na cabeza e descalza"

▶ Aos seus 99 anos, recibirá na Casa de Don Fernando este luns, 1 de maio (12.30 horas), o recoñecemento que honra toda unha vida adicada á venda de peixe entre Portonovo, Vilalonga e Pontevedra, dignificando un oficio no que comezou con apenas 10 anos 
Carmen Uhía amosa unha fotografía na Praza de Pontevedra. DS
photo_camera Carmen Uhía amosa unha fotografía na Praza de Pontevedra. DS

Preto de cumprir as 10 décadas de vida, Carmen Uhía Martínez conserva unha memoria case privilexiada, e segue sendo tan faladora coma cando aínda exercía como peixeira entre Vilalonga e Portonovo, e despois na Praza de Abastos de Pontevedra, onde acabou xubilándose, gañado o cariño dunha clientela fiel, coa que lle gustaba ser educada. "Aínda recordo como as clientas dicían: ‘Cómpralle a Carmen que o peixe dela parece que medra na tixola’. E eu sempre lle botaba algún peixiño de regalo", lembra. Agora, cunha forma física envexable, non perdoa o seu paseo matinal cada día ata Montalvo, na compaña da súa amiga Lola. Precisamente, logo dunha destas camiñatas, atende a Diario de Pontevedra, pouco despois de saber que será homenaxeada coa Raia de Ouro 2023. E, aínda que ela segue sen crer que o mereza, o certo é que Carmen Uhía representa a toda unha xeración de mulleres tenaces que fixeron o imposible por sacar adiante ás súas familias, traballando de sol a sol. Retranqueira coma ningunha, refraneira e consciente dunha historia propia marcada polo esforzo, agora goza da compaña de fillos, netos, bisnetos e incluso do seu primeiro tataraneto.

Vostede é un exemplo de esforzo para as xeracións máis novas...
Desde os 10 anos ata os 80 traballei diariamente, de todas as maneiras.

Que lembranzas garda de cando comezou no oficio?
Eu tiña á miña irmá, que ía vender peixe a Vilalonga, e eu quería ir con ela. Entón collín a patela de ir ao mar de meu pai, e fun con ela á ribeira. Levaba conmigo un cesto de sardiñas ata Vilalonga, sempre con ela. E despois eu seguín indo sempre a Vilalonga, debín ir alí durante 30 anos. Iamos andando, coa cesta na cabeza, e descalzas. Levabamos o peixe que houbera e chegara á lonxa de Portonovo, algunhas veces sardiñas, xurelos, ou fanecas. Iamos as dúas de luns a domingo a Vilalonga, faciamos unha parada no Vinquiño e logo seguiamos. Así foi a miña vida. Traballei moitísimo, non o sabes ti ben!

Teño chegado de vender, poñerme a comer e durmir enriba da mesa para volver ir traballar"

E non só se adicou ao peixe...
Eu viña de Vilalonga de vender o peixe e logo ía co legón para a finca a poñer patacas, verduras e todo o que facía falla. E moitas veces, nos momentos que non estaba traballando co peixe, víñanme chamar para ir ao xornal, e aínda ía para alí a gañar unha peseta. E despois ao vir do xornal, aínda ía para a lonxa, moitas veces dende a noite ata a mañá, levando o peixe, e traballando todo o que fixera falla.

Por que comezou de peixeira?
Porque tiñamos aparellos na casa, e a min non me gustaba estar sentada. Eu quería traballar, quería gañar cartos, e por iso collín ese oficio.

Ten unha familia grande, é moi importante para vostede?
Tiven catro fillos pero agora teño dous sós. E tamén teño netos, bisnetos e un tataraneto que vai facer un ano agora para maio. Estou moi contenta, e cando estamos todos xuntos máis contenta aínda, porque os domingos xuntámonos a comer todos.

E como foi atender a o seu oficio indo á lonxa, a finca e a casa neses tempos, con nenos pequenos ao seu cargo?
Había que facer de todo. Teño chegado de vender, poñerme a comer e cruzar os brazos enriba da mesa para poder durmir un pouco. E dicíanme as miñas fillas, que aínda eran pequenas, "mamá, vaite deitar á cama", e eu dicíalles que me deixaran estar así, que descansaba aquel pouquiño, e que despois volvía ir traballar. O meu home traballaba no mar, pero estivo dous ano enfermo da pleura, e coideino eu. Tiven que gañar cartos para sacalo adiante eu soa co meu traballo. Foi moito, e moitas cousas máis que pasaron naquel tempo.

Tiñamos aparellos na casa e a min non me gustaba estar sentada, quería traballar e gañar cartos"

Que consello lle daría vostede ás mozas de hoxe en día coma as súas netas e bisnetas?
Eu doulles moi bos consellos. Sobre todo que traballen para o día de mañá. Traballando honradamente poden xuntar algo de cartos para o día de mañá ter unha vida. Iso é o que lles pido, e que o fagan con saúde e con honradez, que é moi importante.

Que lle parece recibir este premio? Levou unha sorpresa cando llo dixeron?
Viñeron á casa a dicirmo, estivo aquí o alcalde e Paz Lago. Agora xa lles dixen que si, pero a min estas cousas non me van moito, dígocho de corazón. Estou moi agradecida, pero non creo que sexa tanto como para ter un premio.