Carlos Rey e Antón Losada pecharán ‘Sanxenxo en clave de Re’

Rey achegará este xoves aos e ás participantes os seus coñecementos sobre rehabilitación enerxética nas vivendas e nos edificios
Unha das charlas impulsadas polo PSOE no marco destas xornadas. DS
photo_camera Unha das charlas impulsadas polo PSOE no marco destas xornadas. DS

O grupo socialista de Sanxenxo abordará esta semana o peche das súas xornadas Sanxenxo en clave de Re, que se están a desenvolver na Sala Nauta, e nas que contará coa participación do arquitecto técnico Carlos Rey, que intervirá durante a xornada deste xoves a partir das 19.30 horas, e do analista político Antón Losada, que participará este venres, 24 de marzo, á mesma hora.

Pola súa banda, Rey achegará aos e ás participantes os seus coñecementos sobre rehabilitación enerxética nas vivendas e nos edificios, e as axudas do Estado para levalo a cabo. Ao día seguinte, Losada falará sobre cal é o papel da administración máis próxima aos cidadáns durante as crises, é dicir, da "empatía dos gobernos locais durante os períodos de crise", tal e como explicaron dende o colectivo socialista.

Con estas dúas presentacións, o PSOE dará por rematada esta serie de charlas temáticas nas que se tocaron temas como o turismo, no que participou a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Leticia Gallego, e que tamén abordaron temáticas de actualidade coma a sanidade, nunha charla na que tomou a palabra a deputada no Congreso Ana Prieto, que é a voceira do grupo socialista en materia de sanidade.

Para a voceira socialista, Ainhoa Fervenza, "estas charlas son moi necesarias, xa que se trataron e tratarán temas moi importantes como a sanidade, sobre a cal a xente ten moitas dúbidas".