A Corporación de Sanxenxo aproba unha moción pola sanidade "non politizada"

▶ PP, BNG, Ciudadanos e SAL consensuaron o contido do documento para "esixir" á Xunta e ao Goberno medidas inmediatas para "garantir o dereito á saúde" ▶ Tan só o PSOE emitiu os seus tres votos en contra
Pleno de Sanxenxo. DS/ARCHIVO
photo_camera Pleno de Sanxenxo. DS/ARCHIVO

Tan só cos tres votos en contra do PSOE, o Pleno da Corporación de Sanxenxo logrou un consenso para aprobar unha moción encamiñada a demandar accións inmediatas por parte da Xunta de Galicia e do Goberno de España para "garantir o dereito á saúde" da poboación e a "mellora das condicións do persoal médico e a rede de centros de saúde" da área sanitaria Pontevedra-O Salnés, así como que se «adopten de inmediato todas as medidas para cubir as prazas vacantes, incluídas as prazas MIR e garantir unha sanidade pública digna en todo o distrito de Pontevedra, en toda a área de Pontevedra-O Salnés e en todo o país», ademais de "resolver xa a situación das urxencias sanitarias, especialmente as pediátricas".

A moción presentada polo grupo do BNG e por Ciudadanos por separado, foi defendida, en primeiro lugar, polo edil Francisco Leiro quen, ao igual que a voceira de Ciudadanos, Vanessa Rodríguez, lembrou que á xuntanza para representantes políticos da área celebrada o pasado 18 de xaneiro tan só asistiron dous representantes do BNG e Ciudadanos por parte do municipio de Sanxenxo. A pesar disto, insistiu, "que a saúde da xente está en risco é algo que non pode negar ninguén", motivo polo que ambos voceiros pediron "apartar as siglas" e "non politizar" unha moción encamiñada a "mellorar a saúde dos veciños e veciñas, que é o principal". "Se non apartamos as siglas para isto, que estamos a falar da saúde da xente, non o imos facer nunca. O que di a moción e que isto está mal e que hai que resolvelo", salientou a edil de Ciudadanos. Por este motivo, e a pesar das críticas da voceira do PSOE, Ainhoa Fervenza, quen aludiu á responsabilidade "do anterior Ministerio de Sanidade do PP no Goberno, que recortou prazas", e que mostrou o seu total desacordo coa moción, intercambiando algunhas palabras tensas con outros membros dos partidos da oposición, a voceira do partido do Goberno local do PP, María Deza, admitiu que "todos estamos de acordo en que  temos un problema coa sanidade pública", e propuxo a modificación do texto, chegando a un consenso para emitir os votos a favor do PP. "O PP non vota a favor do manifesto tal e como está, porque consideramos que si se está politizando con el, nin compartimos que toda a responsabilidade é da Xunta", explicou, asegurando que "creo que é un problema de todos e que todos temos na nosa esfera de responsabilidade, parte de responsabilidade", engadiu.

Deste xeito, o texto aprobado polo Pleno alude a ambos organismos, Xunta e Goberno do Estado, para que actúen dentro das súas competencias co obxectivo de dar solución á problemática sanitaria.

Pavillón de Vilalonga
Luz verde a bonificar o ICIO
O Pleno ordinario aprobou por unanimidade a bonificación dun 25% sobre a cota do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para a obra de substitución da cuberta do pavillón do IES de Vilalonga.
A proposta formulada pola Alcaldía declara de especial interese e utilidade municipal a renovación da cuberta atendendo ao seu carácter non lucrativo, destinada a fins educativos, culturais e sociais.