O BNG replica: "Sanxenxo volverá á débeda de hai unha década" por As Cunchas

Para Leiro, ata 2017, "a xestión económica foi impecable, como o amosa o feito de que meses dous anos reduciuse o endebedamento en 4,1 millóns de euros"
Fran Leiro (centro) xunto a outros edís do BNG. DS
photo_camera Fran Leiro (centro) xunto a outros edís do BNG. DS

O BNG de Sanxenxo volveu dirixir as súas críticas onte ao Goberno de Telmo Martín, despois de que este afeara as últimas declaracións do partido de Francisco Leiro a raíz da sentenza de As Cunchas. Neste sentido, para os nacionalistas, Sanxenxo "volverá a niveis de débeda de hai unha década, de 10 millóns de euros, coma en 2015. Tempos difíciles coma os que atopou o Goberno do tripartito logo das eleccións municipais" dese ano, manifestaron.

Para Leiro, ata 2017, "a xestión económica foi impecable, como o amosa o feito de que meses dous anos reduciuse o endebedamento en 4,1 millóns de euros", dixo, lembrando que "no ano 2012, en pleno mandato do PP, acadou un tope de 14 millóns de euros".

"O señor Martín ten moi pouca vergoña cando pretende imputar a débeda que tiña o Concello en 2017 ao Goberno tripartito que só xestionou durante dous anos, cando ese nivel de endebedamento viña das sentenzas xudiciais adversas e da política de ladrillo, que entre 2012 e 2014 nos abocaron a un durísimo Plan de Axuste", afeou Leiro, que tamén quixo aclarar, en referencia ás críticas do PP, que "a nosa estimación sobre os custes do proceso coa familia Rocafort era duns 15 millóns de euros e, por desgraza, non nos trabucamos. En ningún momento o BNG falou de 44 millóns de euros, senón que esa foi a cifra que pretendían reclamar os propietarios da parcela", aseguraron.