BNG e PSOE critican a dilación do caso Rocafort e tachan de "ruína" a xestión do PP

▶ A oposición acusa ao alcalde de exercer unha "mala xestión" despois de que o TSXG desestimara o fraccionamento do pago dos 9,6 millóns
A finca As Cunchas. DS
photo_camera A finca As Cunchas. DS

A oposición sanxenxina representada polo BNG e o PSdeG-PSOE local puxeron este xoves o grito no ceo tras coñecer a desestimación por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre a petición do Concello de Sanxenxo para fraccionar o pago dos 9,6 millóns da sentencia do chamado caso Rocafort, derivada da expropiación da finca As Cunchas, propiedade da familia, que iniciou o pleito en 2011.

Pola súa banda, dende o BNG afearon que "a teima do alcalde de dilatar o proceso xudicial da sentenza supón un novo ataque ao peto da veciñanza", o que valoraron coma unha "pésima xestión da súa política de cemento, que moi probablemente abocará ao Concello a ter que facer fronte a unha situación económica moi complicada nos vindeiros anos".

Para os nacionalistas, que xa abordaran a cuestión anteriormente, especialmente no último Pleno orzamentario, no que se tratou a cuestión, "a decisión do alcalde de recorrer a resolución do TSXG, na que descarta a opción de pagar de xeito fraccionado os 10 millóns de euros pendentes aos propietarios da parcela, para o único que serve é para que Telmo Martín pretenda gañar tempo, a costa de castigar as arcas municipais". O voceiro, Francisco Leiro, quixo poñer de manifesto que "o Concello xa tivo que facer fronte a pagos por valor de máis de 20 millóns de euros como consecuencia de resolucións xudiciais", e tachou a cuestión de «sumamente grave», xa que, afirmou, "Martín asegurou no seu día que se era elixido alcalde a adquisición da parcela das Cunchas tería un custe de cero euros".

Pola súa banda, o voceiro socialista municipal, Fernando Otero, denunciou «o enésimo capítulo da lamentable xestión de Telmo Martín e os seus continuos desmáns urbanísticos que están a levar á ruína ao Concello», lamentando a "ruína" económica que "volverá custarlle diñeiro á veciñanza e aboca ao Concello de Sanxenxo a hipotecarse tanto se, como anuncia o alcalde, recorre ao Tribunal Supremo, como se pide un crédito para poder enfrontar semellante pago só en intereses de demora".

Otero lamentou que o recurso que se levará ao Supremo é "unha manobra para gañar tempo" e que "hai seis anos o anterior Goberno tiña acadado un principio de acordo coa familia Rocafort. Se Martín dialogara teriamos un acordo e non unha sentencia que obriga a pagar ata 3,6 millóns de euros só de intereses".